O TSXG non ve delito nos agasallos de Vega Sicilia do dono de Monbús a Rueda e Feijóo

Pontevedra
28 de marzo 2017

O TSXG considera que os agasallos ou dádivas de "ínfimo valor" ou que representen "un comportamento non suxeito a reprobación social" non poden considerarse un delito de suborno, pois, ademais, na situación investigada "en ningún caso" comprométese a imparcialidade de Feijóo ou Rueda no exercicio do seu cargo ou función pública  

Alberto Núñez Feijóo celebrando a vitoria electoral xunto a Alfonso Rueda e Pedro Puy
Alberto Núñez Feijóo celebrando a vitoria electoral xunto a Alfonso Rueda e Pedro Puy / PPdeG

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidiu arquivar a causa aberta para investigar se o presidente e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda Valenzuela, incorreran nalgunha ilegalidade ao aceptar durante anos agasallos do Nadal de lotes de viño Veiga Sicilia do propietario do grupo Monbus, Raúl López, investigado por oito delitos na denominada operación Condor

A xuíza de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, elevou unha peza razoada ao TSXG para que, dada a súa condición de aforados, decidise se había ou non causa contra eles por un delito de suborno e a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior declarouse competente para ver o tema, pero acordou o arquivo das actuacións "por non ser constitutivos de delito". A resolución non é firme e contra a mesma cabe interpoñer recurso de súplica. 

O TSXG considera que os agasallos ou dádivas de "ínfimo valor" ou que representen "un comportamento non suxeito a reprobación social" non poden considerarse un delito de suborno, pois, ademais, na situación investigada "en ningún caso" comprométese a imparcialidade de Feijóo ou Rueda no exercicio do seu cargo ou función pública. 

Ambos aparecen xunto a decenas de persoas nun informe do Servizo de Vixilancia Aduaneira porque entre os anos 2008 e 2013 recibiron nas súas casas particulares de Vigo -Feijóo- e Pontevedra -Rueda- o viño. O TSXG considera que aceptar eses agasallos tampouco é "susceptible de ser indiciariamente tido como delituoso", entre outras cuestións, porque os lotes de viño enviáronse a unha pluralidade de persoas. 

A resolución xudicial tamén lembra que eses agasallos entregáronse cando aínda non entrara en vigor o Código Ético Institucional da Xunta de Galicia que regula a aceptación de agasallos e que chegaron ás súas casas a través de empresas ou servizos de transporte habitualmente utilizados para envíos ordinarios e "sen concorrencia algunha da nota de clandestinidade". Trátase, insiste o tribunal, de agasallos en días do Nadal e elementos "non desacostumbrados en tales datas, de carácter consumible e perecedoiro".