O TSXG rebaixa a multa para un home condenado tras ser interceptado con cocaína na AP-9 en Caldas

Pontevedra
20 de agosto 2022

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de confirmar a condena a dous homes aos que a Audiencia de Pontevedra impuxo catro anos e medio e seis anos e medio de prisión tras ser interceptados con cocaína cando circulaban pola autoestrada AP-9 á altura da peaxe de Caldas. A un báixanlle a multa que debe pagar

Xuízo contra dous homes que foron sorprendidos transportando dos quilos de cocaína no coche PontevedraViva

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de confirmar a condena a dous homes aos que a Audiencia de Pontevedra impuxo catro anos e medio e seis anos e medio de prisión tras ser interceptados con cocaína cando circulaban pola autoestrada AP-9 á altura da peaxe de Caldas de Reis. 

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenounos e, tras o recurso presentado polos acusados, a Sala do Civil e Penal do TSXG confirma a condena, pero cun pequeno cambio. Rebaixa a pena de multa a un dos dous condenados. 

A sentenza inicial condena aos acusados de penas de multa de 83.100 e 166.200, pero o alto tribunal galego decidiu rebaixar a primeira multa, que queda en 62.325 euros. 

O acusado ao que se reduce o importe tiña antecedentes policiais, recoñeceu os feitos e colaborou activamente na investigación. No seu caso, a pena de prisión foi de catro anos e medio mentres que o outro acusado, que era a persoa que conducía o coche, foi condenado a seis anos e medio e mantense a súa multa de 166.200.

O tribunal relata na sentenza que os feitos ocorreron sobre as 21.20 horas do 1 de setembro de 2020. Os acusados viaxaban nun vehículo Citroën C3 cando foron interceptados pola Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, que realizaba un control preventivo de seguridade cidadá á altura do quilómetro 110 da AP-9, no punto de acceso á peaxe situada en Caldas. 

Na zona dos asentos traseiros do coche, os axentes interceptaron dous paquetes dun quilo de cocaína cada un, que ía ser destinada á venda polos condenados. 

A sentenza recolle que o prezo de venda da droga intervida no mercado ilícito tería alcanzado os 83.100 euros