O TSXG rexeita suspender de forma urxente a autorización do parque eólico de Acibal e ordena seguir co trámite xudicial ordinario

Barro
17 de agosto 2023

A sección terceira da Sala de Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia denegou de novo unha solicitude de medidas cautelarísimas presentada por Ecoloxistas en Acción para paralizar a construción dun parque eólico, neste caso o de Acibal, situado nos municipios de Barro, Campo Lameiro e Moraña, e promovido pola empresa Norvento

Participantes no percorrido polo monte Acibal
Participantes no percorrido polo monte Acibal / Lucas Andión

A sección terceira da Sala de Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou de novo unha solicitude de medidas cautelarísimas presentada por Ecoloxistas en Acción para paralizar a construción dun parque eólico, neste caso o de Acibal, situado nos municipios de Barro, Campo Lameiro e Moraña, e promovido pola empresa Norvento.

A asociación ecoloxista expuxo catro motivos para solicitar a suspensión das obras e dos actos administrativos que lle dan amparo: afectación grave ás brañas de Amil (impacto sobre a fauna e réxime hídrico), afectación sobre o curro de Amil (paso do gando e cabalos e afectación ao curro das bestas e á paisaxe cultural e visual), afectación a descubrimentos arqueolóxicos de gran importancia cultural e graves irregularidades na tramitación do expediente.

Explica a Sala de Vacacións do TSXG que para poder adoptar unha medida cautelarísima como a solicitada por Ecoloxistas en Acción, que supón non dar audiencia ao resto de partes, é necesario que a situación exposta sexa de especial urxencia, algo que non considera que suceda no caso estudado.

Explícase no auto que o acto que se recorre publicouse no DOG en marzo do ano 2022, e que as obras, aínda que non se identifica o momento exacto de inicio das mesmas, parecen levar xa tempo en execución.

Indican os maxistrados que a asociación non xustifica por que non se puido solicitar antes a medida, nin cal sería a inminencia dos danos no medio natural que xustifiquen prescindir da tramitación ordinaria. Lembran ademais que dos informes periciais despréndese que a asociación recorrente coñecía as obras desde, polo menos, o mes de abril deste ano.

Polos motivos expostos, o tribunal entende que non concorren os motivos de especial urxencia que esixe a lei para habilitar o mes de agosto e que xustifiquen a medida de suspensión solicitada sen dar audiencia ao resto de interesados.

Desta forma, o procedemento seguirase polos trámites ordinarios.