A Casa da Cultura de Amil acolleu esta fin de semana a presentación do "Manifesto Acibal. Contra o espolio dos nosos montes e os seus bens".
Este documento foi impulsado pola plataforma "Amil sen eólicos" e o "Colectivo pola defensa do Patrimonio A Forneiriña" a raíz do que está a acontecer no monte Acibal.
Máis de 80 profesionais e figuras da cultura e ciencia galegas asinaron este manifesto no que estes colectivos levan meses traballando.
Os colectivos levan meses traballando neste manifesto, e aseguran estar "encantados" co apoio recibido entre os que destacan Agustín Azkarate Garai-Olann, director da Cátedra UNESCO de Paisajes Culturales y Patrimonio; Antonio de la Peña Santos, arqueólogo membro do Instituto de Estudos Galegos; Dario Seglie, director xeral do CeSMAP- Study Centre and Prehistoric Art Museum Polytechnic of Torino; Joaquín Araújo, activista ecolóxico; Manuel Rivas, escritor, entre outros.
O contido deste texto reclama ás entidades públicas que defendan o patrimonio histórico e natural por enriba dos intereses empresariais. Os colectivos detrás do manifesto instan á revisión dos proxectos macroeólicos en zonas arqueolóxicas, a mellora dos instrumentos de avaliación ambiental e unha nova planificación do modelo de desenvolvemento económico de Galicia.
Unha parte esencial do alegato é o compromiso coa soberanía dos concellos que rexeitan a instalación de macroeólicos nas súas áreas e a necesidade de preservar e poñer en valor o patrimonio cultural e natural de Galicia. Tamén se subliña a importancia de conservar os espazos naturais para garantir a súa biodiversidade.
Agardan que o Manifesto Acibal sexa "un chamamento a protexer os montes galegos e a súa herdanza cultural e natural para as xeracións futuras, promovendo unha visión de desenvolvemento sustentable que respecte a historia e a natureza da nosa terra".