Multitudinaria mobilización en Amil "contra os gobernos e especuladores"

Umia
10 de decembro 2023

A parroquia de Amil, en Moraña, foi este domingo un dos seis lugares de Galicia nos que a Coordinadora 'Eólica Así Non' se mobilizou baixo o lema 'Defendemos as montañas contra os gobernos e especuladores'. Preto dun milleiro de persoas realizaron unha marcha reivindicativa desde a escalinata da Igrexa dos Milagres de Amil

Mobilización contra os eólicos en Amil
Mobilización contra os eólicos en Amil / Adega

A parroquia de Amil, en Moraña, foi este domingo un dos seis lugares de Galicia nos que a Coordinadora 'Eólica Así Non' se mobilizou baixo o lema 'Defendemos as montañas contra os gobernos e especuladores'.

As mobilizacións organizáronse coincidindo co Día das Montañas en Amil, A Fonsagrada, Lugo, Val do Dubra, Vilar do Barrio e Ortigueira.

A mobilización de Amil foi máis numerosa, con preto dun milleiro de persoas que realizaron unha marcha reivindicativa desde a escalinata da Igrexa dos Milagres de Amil. Diante deste templo procederon á lectura do manifesto. 

Alí congregáronse varias ducias de plataformas de veciñas e veciños afectados polo "actual espolio eólico na provincia" de Pontevedra para apelar á defensa das montañas e apoiar á veciñanza de Amil que loita contra as obras do proxecto eólico de Acibal e pola preservación dun rico patrimonio arqueolóxico e cultural afectado. 

A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións galegas, logrou mobilizar en toda Galicia unhas 2.000 persoas para destacar o papel que a sociedade civil organizada xogou nos últimos tres anos na defensa das montañas e, en xeral, do territorio galego ante a proliferación de proxectos eólicos.

O manifesto das mobilizacións destacou as funcións ecolóxicas e sociais que cumpren as montañas galegas.

Os manifestantes instaron á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a que demostren que gobernan para o interese xeral e que procuren unha transición ecolóxica ordenada, xusta, sustentable e ao servizo do pobo galego. 

Critican que tanto a Xunta como o Estado seguen a demorar sine die a ampliación dos espazos naturais protexidos galegos e a impulsar reformas lexislativas "golpistas" que "só atinxen aos intereses das eléctricas á costa de deixar indefensa á cidadanía e recortar a súa capacidade de intervención nas decisións de interese público".

No manifesto rexeitouse a última disposición legal da Xunta de Galicia pola que se declaran todos os proxectos eólicos de "interese público superior" e con carácter retroactivo, para intentar esquivar as paralizacións cautelares de polígonos eólicos autorizados pola Xustiza, así como a eliminación da avaliación de impacto ambiental dos procedementos administrativos de autorización que se tramitan no Ministerio de Transición Ecolóxica. 

Os actos reivindicativos de 'Eólica Así Non' remataron co anuncio das plataformas e organizacións sociais de seguir mobilizando a sociedade galega e recorrendo nos tribunais os polígonos eólicos autorizados e ilegais ata frear o que consideran un asalto sen precedentes ao medio rural e ao medio ambiente galegos.