Expoñen un vídeo para denunciar o uso non autorizado de maquinaria pesada nos arredores de petróglifos do Monte Acibal

Umia
18 de xaneiro 2024

 Amil Sen Eólicos e o Colectivo do Vento alertan destes traballos na liña de Atla Tensión situada no Polígono do Monte Acibal (Moraña), a vinte metros de elementos patrimoniais, mentres as obras permanecían paradas. Indican que se incumpre a distancia de protección establecida de 200 metros para elementos destas características

Petróglifo no Monte Acibal
Petróglifo no Monte Acibal / C.A. Rula

Amil Sen Eólicos e o Colectivo do Vento publicaron en redes sociais un vídeo de denuncia ante o que consideran unha "situación preocupante" no Monte Acibal, no municipio de Moraña.

Estes colectivos contrarios á construción do polígono eólico de Acibal afirman que se están executando traballos non autorizados preto de petróglifos, nunha zona que foi previamente notificada a Patrimonio.

Expoñen que os traballos se realizan entre eses elementos na liña de Alta Tensión do Polígono de Monte Acibal, mentres as obras permanecían paradas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizaba preventivamente as obras en outubro de 2023.

Desde estes grupos reivindicativos sinalan que a maquinaria pesada se atopa operando ao redor dos petróglifos nun espazo de ao redor de 20 metros respecto a estas pezas históricas. Lembran que a empresa está a incumprir a distancia de protección establecida nunha distancia de 200 metros para elementos destas características.

Os representantes dos colectivos argumentan que esta situación aseméllase ao sucedido coas obras de creación da subestación do Polígono, que provocou "a destrución de varios sen constancia de prospección por parte da empresa ou de Patrimonio".

Reclaman que se paralicen de inmediato as obras e que se investigue estes feitos para determinar unha posible sanción.