'Salvemos o Acibal' analizou os desafíos dos montes galegos ante a irrupción dos parques eólicos

Pontevedra
12 de xaneiro 2024

O Teatro Principal de Pontevedra acolleu este xoves un acto reivindicativo en defensa do monte de Amil, en Moraña, ao mesmo tempo que ofreceu un coloquio sobre o despregamento de proxectos eólicos a grande escala nos montes da provincia de Pontevedra

Benito Andrade e Antón Sobral no acto 'Salvemos o Acibal' no Teatro Principal de Pontevedra
Benito Andrade e Antón Sobral no acto 'Salvemos o Acibal' no Teatro Principal de Pontevedra / Mónica Patxot

O Teatro Principal acollía este xoves un acto para analizar a situación actual dos montes en Galicia e, en concreto, da provincia de Pontevedra ante as perspectivas de proxectos de creación de parques eólicos de maneira masiva.

Baixo o título 'Salvemos o Acibal', o monte situado en Amil, Moraña, centrou a principal atención deste evento no que se debateu sobre a narrativa que promoven desde a Xunta de Galicia e por parte das empresas enerxéticas fronte á situación das persoas que se atopan afectadas por estes grandes proxectos de enerxías renovables con danos ambientais e patrimoniais.

O acto abríase coa proxección dunha curtametraxe sobre o Acibal para, a continuación, realizarse unha lectura do 'Manifesto pola defensa dos nosos montes e os seus bens', a cargo de Martina Viéitez, integrante do colectivo A Forneiriña.

Posteriormente Nery Díaz, de Ecoloxistas en Acción Galiza Atlántica e Verde; Antón Sobral, representante do Ateneo de Pontevedra; e Benito Andrade, da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), analizaban nun coloquio a incidencia que supoñen as accións das grandes empresas nos montes da provincia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en