O vándalo da decoración de Nadal do mercado, captado polas cámaras de vixilancia

Pontevedra
07 de decembro 2022
Actualizado: 19:23

As cámaras que recollen estas imaxes son as do propio mercado e tamén as da xoiería situada no baixo. Estas imaxes xa foron remitidas á Policía Local, aínda que non se distingue ao autor material dos actos vandálicos. Así, a súa cara non se ve con claridade e resulta imposible identificar ao responsable    

Yoya Blanco, coa burbulla esnaquizada Mónica Patxot

As cámaras de vixilancia instaladas no mercado municipal de Pontevedra captaron na madrugada do luns ao martes ao vándalo que causou as desfeitas na decoración de Nadal instalado o día anterior.

Na mañá do martes, a burbulla situada no exterior, na rúa Serra, a modo de photocall do Nadal apareceu danada cun racho e, tras visualizar as cámaras de vixilancia, púidose saber que o acto vandálico produciuse entre as 4.05 e as 4.10 horas da madrugada. 

Nas cámaras distínguese a un grupo de catro persoas achegándose á bóla de cristal, dos que dous pasan de longo, un queda mirando e o cuarto é o autor material das desfeitas. 

As cámaras que recollen estas imaxes son as do propio mercado e tamén as da xoiería situada no baixo. 

Estas imaxes xa foron remitidas á Policía Local para que investigue o ocorrido. Fontes oficiais da Policía Local confirmaron que nas imaxes non se distingue ao autor material dos actos vandálicos. Así, a súa cara non se ve con claridade e resulta imposible identificar ao responsable. 

A Policía Local continúa investigando os feitos e tratando de localizar ao autor. Agora vanse a solicitar máis imaxes doutras cámaras de vixilancia, entre elas, as do Museo de Pontevedra.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, confirmou que a empresa responsable ten previsto arranxar os danos durante a tarde deste mércores. 

Ademais, avanzou que, ademais de manter as cámaras de vixilancia que captaron ao vándalo deste episodio, a partir de agora, tentarase "estar máis atentos" e solicitarán á Policía Local que "faga visitas de cando en vez" e ao responsable de seguridade do Gastromercado que "estea pendente tamén". 

Na tarde deste mércores quedaba xa arranxada a esfera coa súa correspondente iluminación coa intención de que todas aquelas persoas que queiran achegarse pola contorna do Mercado de Abastos poidan realizar un photocall con esta burbulla de Nadal.