O vicepresidente da Xunta critica actitudes "en absoluto democráticas" nas votacións nos xulgados

Pontevedra
27 de abril 2018

Alfonso Rueda cree que foi "axustado" o resultado das votacións dos traballadores de xustiza. Un 53% dos funcionarios rexeitaba o preacordo asinado polos sindicatos SPJ-USO, UGT, CSIF e CC.OO.

Protesta dos funcionarios de Xustiza ante o presidente da Xunta de Galicia / Mónica Patxot

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, atopábase na tarde deste venres unha protesta de representantes sindicais e funcionarios de xustiza ás portas do Partido Popular. Rueda acompañaba ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a un acto de encontro con novos afiliados na sede provincial do PP.

O vicepresidente da Xunta cualificou como "axustado" o resultado final das votacións que se levaron a cabo durante esta xornada nas principais cidades de Galicia. Nestas votacións rexeitábase o preacordo asinado por CC.OO., CSIF, UXT e USO co goberno galego. 

Alfonso Rueda indicou que estas votacións desenvolvéronse nun escenario "en absoluto democrático" e afirmou que esta situación de presión rexistrouse sobre todo en Vigo e Pontevedra.

"Son escenas que non son de recibo pensando que unha votación se debe desenvolver en total liberdade", asegurou Rueda e engadiu que no edificio xudicial da Parda "un grupo" dedicouse a crear presión para evitar que os seus compañeiros votasen nun clima de normalidade.

"Ninguén pode dicir que esas son circunstancias normais para acudir a votar", sinalou, subliñando que en calquera outro proceso electoral sería "absolutamente impensable" que se puidesen producir este tipo de situacións.

O vicepresidente alertou de que aqueles que pediron a continuidade da folga terán que ser consecuentes con esta decisión.

A Xunta de Galicia, destacou, "reafírmase" en que a última oferta presentada e aceptada polos catro sindicatos "é unha boa oferta" e, de cara o que ocorra no futuro, "é a que imos manter" porque entende que "satisfai moitas das cousas que se pedían cando se orixinou a folga".