Os funcionarios de xustiza decididos a suspender a folga indefinida

Pontevedra
08 de maio 2018

A maioría de Alternativas  na Xustiza- CUT e  STAJ votaron a favor de manter o conflito sen folga. Estes sindicatos, xunto coa CIG, rexeitaran o preacordo coa Xunta alcanzado por SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO.

Protesta funcionarios xustiza
Protesta funcionarios xustiza / Paula Sanmartín

A asemblea de funcionarios de xustiza en Pontevedra acordou suspender a folga indefinida que iniciaron de maneira exitosa o pasado 7 de febreiro para reivindicar melloras salariais á Xunta, pero que se foi desinflando entre divisións sindicais e desgaste dos traballadores. 

A maioría de Alternativas na Xustiza- CUT e STAJ votaron a favor de manter o conflito sen folga. Estes sindicatos, xunto coa CIG, rexeitaran o preacordo coa Xunta alcanzado por SPJ-USO, UXT, CSIF e CC. OO.

A CIG, pola súa banda, celebra asemblea esta tarde e SPJ-USO convoca mañá a todos os sindicatos en Ourense.

Os tres meses de paro provocaron enfrontamentos entre os traballadores. O seguimento da folga era cada día menor despois das tensións vividas durante as votacións para referendar o preacordo coa Xunta, que entre outras cousas supoñen incrementos salariais de entre 140 e 122 euros mensuais.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, non quere falar dun triunfo de ninguén apuntando que "algúns pretendían prolongar a folga todo o posible e agora terán que valorar se fracasaron ou non vendo o seguimento". O vicepresidente asegura estar aberto con todos os sindicatos ao diálogo para pechar o conflito.

O seguimento da folga este martes nos xulgados pontevedreses quedou no 3,93%, segundo datos oficiais da Xunta.