O vídeo promocional das Rías Baixas "Segue o teu instinto" conquista o seu primeiro premio internacional

Pontevedra
22 de marzo 2021

A obra promovida pola Deputación de Pontevedra consegue o galardón de prata na categoría ecoturismo dos premios The Golden City, que se entregan desde hai 21 anos en Berlín

"Segue o teu instinto", campaña de promoción turística para o ano 2020
"Segue o teu instinto", campaña de promoción turística para o ano 2020

A peza audiovisual "Segue o teu instinto" para promocionar o turismo nas Rïas Baixas pola Deputación de Pontevedra acaba de ser elixida polo xurado internacional dos premios The Golden City, que se entregan desde hai 21 anos en Berlín, como un dos mellores vídeos de ecoturismo do mundo. É o primeiro premio que logra esta obra, que recolle a testemuña dos 14 galardóns conseguidos por vídeo promocional anterior " Fame de experiencias".

Entre as cuestións que o xurado valorou de forma positiva destaca a realización audiovisual e acústica, os efectos emocionais, a narración da historia, a innovación e o deseño creativo. Na categoría de ecoturismo, a Deputación fíxose co premio de prata e cos afagos do xurado pola súa aposta polo turismo verde, saudable, sostible e polo patrimonio natural da provincia de Pontevedra. 

Estes premios entregan anualmente tres galardoes en cada unha das súas 18 categorías nunha gala enmarcada na feira ITB de Berlín, un dos eventos do sector turístico máis importantes do mundo.