Oito mulleres de Pontevedra, Salvaterra, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa están a participar na segunda edición do programa de emprendemento de SmartPeme no viveiro de empresas situado no Polígono de Barro.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, visitou este martes as instalacións provinciais onde se están levando a cabo as actividades do programa para coñecer de primeira man os proxectos promovidos por estas oito mulleres da provincia e mais o desenvolvemento do programa.
As oito mulleres están a recibir desde o 21 de abril, e durante un período de tres meses, formación e asesoramento por parte do equipo profesional de SmartPeme para coñecer as claves que lles permitan mellorar a súa competitividade, manexar as novas tecnoloxías, crear plans de empresas e de márketing ou tamén unha identidade corporativa.
No marco da xornada deste martes tamén participaron nunha sesión de Lego Serious Play.
No programa participan Sonia Limés, de Pontevedra (coa empresa "Alecrín Atención Temprana"), Beatriz Amorín, de Pontevedra (con "BAmorin", proxecto de ioga), Susana Rodríguez, de Salvaterra (co proxecto "Hiar, Artesanía en Estampado Botánico"), Patricia Josefina Hernández, de Pontevedra (coa firma de sobremesas en tarros "Dulces Prodigios"), María Agustina Pereira, de Vigo ("Gestión Integral de Subvenciones", empresa que axuda a pemes e persoas autónomas a impulsar os seus negocios), Ángeles Oubiña, de Vilagarcía (cun proxecto para elaborar un produto de protección UV), Eloísa Puig, de Pontevedra (con "Musggo Yoga"), e Aida Mascato, de Sanxenxo (con "Carmencitas", dedicada á produción de tortas e doces e organización de eventos).
O programa conta con dúas fases. Por unha banda, o desenvolvemento de actividades de capacitación, e a segunda fase será a de mentorización, que constará de sesións de traballo individualizadas.