O xeneral Alfonso Pardo de Santayana, regreso á casa cos máximos galóns e o reto de que a Brilat "siga sendo magnífica"

Pontevedra
20 de febreiro 2023

Alfonso Pardo de Santayana Galbis é xa oficialmente novo xeneral da Brigada Galicia VII. Este luns tomou posesión do seu novo cargo no transcurso dunha cerimonia militar na base General Morillo na que destacou que a Brilat "gañouse con suor ser considerada unha das mellores unidades do noso Exército" 

Toma de posesión do Xeneral de Brigada Alfonso Pardo de Santayana como novo xefe da Brilat
Toma de posesión do Xeneral de Brigada Alfonso Pardo de Santayana como novo xefe da Brilat / Mónica Patxot

Alfonso Pardo de Santayana Galbis é xa oficialmente novo xeneral da Brigada Galicia VII, Brilat. Este luns tomou posesión do seu novo cargo no transcurso dunha cerimonia militar na base General Morillo na que se comprometeu a "facer o necesario para que esta Brigada siga sendo a magnífica Unidade que é".

A parada militar, na que desfilaron 1.500 militares das bases da Brilat en Pontevedra, Asturias e Valladolid, contou coa presenza de múltiples autoridades militares e civís, entre elas, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; ou os alcaldes de Pontevedra, Marín e Ponte Caldelas, Miguel Anxo Fernández Lores, María Ramallo e Andrés Diaz. 

O xeneral de División José Manuel Vivas Urieta, xefe da División Castillejos na que se integra a Brilat, presidiu o acto, polo que a Brilat cambia formalmente de responsable tras o ascenso do xefe da Brigada durante os tres últimos anos, Luís Cortés Delgado.

O novo responsable explicou, a preguntas da prensa unha vez finalizada a parada militar, que sente "moitísima ilusión e emoción" pola nova etapa que agora encara, que supón volver "ao que eu considero a miña casa, a Brilat", unha Brigada na que xa estivo destinado como Xefe de Intelixencia do Batallón Zamora do Rexemento de Infantería Isabel a Católica 29 e como coronel ao mando do Rexemento de Infantería Príncipe 3 de Asturias.

"Síntome da Brilat e volver éncheme de orgullo e tamén de responsabilidade porque son consciente da responsabilidade que asumo e do traballo que require que esta unidade siga sendo a gran unidade que é", sinalou aos medios. 

Previamente, durante o seu primeiro discurso como máximo responsable da unidade, insistiu en que a Brilat "gañouse con suor ser considerada unha das mellores unidades do noso Exército" e iso "débese, sen dúbida, ao gran labor dos seus homes e mulleres en cantas misións e escenarios actúa".

Tras agradecer ao ao xeneral Cortés o "extraordinario nivel de preparación alcanzado" pola Brilat durante os seus tres anos á fronte, avanzou que a súa visión e liderado sinalaron o rumbo que me propón seguir.

Nesta nova etapa, pide aos militares da Brilat "lealdade, esixencia e ilusión" e destaca que na "contorna operativa actual dinámica e complexa" necesítanse "visión e iniciativa"

O seu gran reto a partir de agora será que a Brigada estea "preparada e disposta para ser empregada nas ocasións que España requira de nós", algo "impredicible". Dado que "estar preparado non se improvisa", aposta pola preparación a todos os niveis no novo ciclo trianual de preparación que acaban de inaugurar.

Recoñece que o actual contexto internacional inestable "aféctanos porque a complexidade das operacións actuais, que cambian moi rápido e sorprendéndonos constantemente fai que teñamos que ser máis listos, máis capaces, ter máis visión de conxunto".

O xeneral aposta por "aproveitar o talento da xente" e reflexiona sobre o feito de que "así como en períodos de máis estabilidade as cousas están bastante claras, en períodos máis inestables como este, o que tes que ser é moi flexible, ir adaptándote rapidamente ao que ven, ler moito, estudar moito, saber moito o que ocorre e ir un pouco por diante porque senón te sorprendee".

Alfonso Pardo de Santayana Galbis procede dunha familia de raíces cántabras e longa tradición militar e este luns, coincidindo co aniversario da fundación da Academia Xeral Militar, quixo acordarse da súa nai, Concepción Galbis, descendente do Xeneral Galbis, fundador da primeira época desa Academia.

O seu primeiro discurso incluíu un repaso polos datos básicos da súa biografía. De 58 anos, 36 deles na milicia, está casado desde hai 29 anos e ten 8 fillos e catro netos. Tres do seu fillos seguen a tradición militar familiar e un cuarto está encamiñado a iso. Ademais, insistiu en que "o que máis me define como persoa, é que son fillo da Igrexa católica".