O xerente do CHOP acode a Baltar para coñecer a situación do centro de saúde

Sanxenxo
09 de outubro 2017

O xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), José Ramón Gómez, visitou este luns o centro de saúde de Baltar acompañado do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín con quen avaliou as necesidades deste servizo sanitario

Visita do xerente do CHOP ao centro de saúde de Baltar (arquivo)
Visita do xerente do CHOP ao centro de saúde de Baltar (arquivo) / Concello de Sanxenxo

O xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), José Ramón Gómez, visitou este luns o centro de saúde de Baltar acompañado do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, con quen avaliou as necesidades deste servizo sanitario.

Entre outros temas abordaron a situación do servizo de pediatría que conta cun especialista e un médico de familia con formación en puericultura en substitución do pediatra que se xubilou a principios deste ano.

Desde o goberno local de Sanxenxo sinalaron que en Galicia hai déficit desta especialidade polo que se está recorrendo a médicos de familia, polo que apuntan que "se trata dun problema que supera o ámbito autonómico, de feito, hai comunidades como a madrileña nas que case o 50% das consultas de pediatría son atendidas por médicos de familia. É o Ministerio de Sanidade o que ten a competencia para aumentar as prazas do MIR nesta especialidade".

En Sanxenxo cada consulta de pediatría ten adscritos 1.150 nenos menores de 14 anos. O goberno local apunta que "se cumpre, por tanto, a cociente que recomenda a sociedade española de pediatría, que establece que non debe superar os 1.200 nenos. Pero é evidente que nos achegamos a límite, por tanto, o alcalde de Sanxenxo solicitou ao xerente do CHOP que se estuden medidas que a medio prazo permitan mellorar a consulta de pediatría".

En canto á ambulancia medicalizada, que permanece en Sanxenxo entre o 1 de xullo e ao 31 de agosto, o alcalde trasladou ao xerente a necesidade de ampliar este período aos meses de xuño e setembro tendo en conta que son meses dun gran crecemento da poboación. Por exemplo, se en agosto hai en Sanxenxo máis de 120.000 persoas en setembro e xuño hai momentos en que se superan as 60.000 persoas.

Neste sentido o xerente remitiu ao 061 que é o departamento responsable da distribución das ambulancias medicalizadas.

Por último, o terceiro tema que se tratou é a necesidade de ampliar o centro de saúde de Baltar, cuxa última remodelación fíxose no 2001. O xerente José Ramón Gómez expuxo dúas opcións, a primeira sería ampliar a actual sala de extraccións e dotala dun novo acceso pegado ás urxencias e a outra opción sería facer unha nova sala no acceso principal do centro de saúde.

Pola súa banda, o Concello comprometeuse a revisar cos técnicos municipais a entrada principal ao centro de saúde, estudando a posibilidade de instalar unhas escaleiras anexas ao actual acceso, por ser unha demanda dos veciños.