O xulgado obriga á Deputación a convocar un pleno extraordinario para abordar a petición de dimisión de Carmela Silva

Pontevedra
18 de maio 2022

O Xulgado do Contencioso-Administrativo estima un recurso presentado polo grupo do PP polo que se esixía a celebración dun pleno extraordinario despois da sentenza do Supremo que condena un funcionario do Concello de Vigo por urdir unha trama para contratar irregularmente á cuñada da presidenta da Deputación

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra acaba de estimar un recurso presentado polo grupo do PP na Deputación Provincial polo que se esixía a celebración dun pleno extraordinario da institución para abordar unha petición de dimisión da súa presidenta, Carmela Silva. Desta maneira, a sesión deberá celebrarse para abordar esta solicitude. 

A orixe de toda esta situación é a sentenza do Tribunal Supremo que confirma a condena dun funcionario do Concello de Vigo por urdir unha trama para contratar irregularmente á cuñada da presidenta da Deputación. Despois desa sentenza, o PP pediu a celebración dun pleno extraordinario para pedir a dimisión de Carmela Silva, pero a Deputación rexeitouno alegando que non era un asunto que fora competencia do pleno

O PP acabou no xulgado e agora o Contencioso-Administrativo admite o seu recurso, polo que a Deputación debe convocar o citado pleno. Aínda que habería opción de recurso, o Goberno bipartito decidiu acatar a decisión e xa convocou o pleno para o venres 27 de maio. Será a continuación da sesión ordinaria do mes de maio.

O deputado e voceiro do goberno, Carlos Font, explicou que a presentación dun recurso a esta sentenza non sería suspensivo da obriga de celebrar o pleno polo que a Deputación convocará a sesión extraordinaria e logo estudará a presentación de todos os recursos que consideremos  pertinentes e sexan necesarios para defender dereitos fundamentais como este, que a Constitución ampara”. 

 Carlos Font sinalou que a Deputación non comparte o contido da decisión xudicial porque cre que "vulnera os nosos dereitos como administración", pero este goberno, "como non podía ser doutra forma, sempre acata e cumpre coas sentencias xudiciais", e por iso é polo que convocan o pleno. 

O deputado subliñou especialmente que a defensa esgrimida pola Deputación de Pontevedra da inadmisión da demanda do Partido Popular coincidiu en todo momento coa posición fixada polo propio fiscal que levou o caso. O ministerio público solicitou a desestimación, pero igualmente o xulgado estimou a petición do PP.

A posición da Deputación foi defendida polo propio secretario xeral da institución, que dicía que "existe base xurisprudencial para a denegación motivada de calquera solicitude de pleno extraordinario cando os asuntos non versen sobre materias de competencia do pleno… Non se conculca o dereito fundamental cando a solicitude para a convocatoria non atende a materia de competencia...".

Así, emitiu un informe no que lembraba que o dereito a solicitar a celebración de pleno extraordinario non pode ser interpretado como de concesión automática e regrada, e lembrou sentenzas do Tribunal Supremo que recoñecen o dereito a denegar a convocatoria cando o pleno sexa órgano manifestamente incompetente para aprobar os asuntos a debate. 

Tamén recordaba que "na sentenza non se fai mención a conduta algunha da presidenta, nin reproche á mesma, non tendo sido parte no procedemento nin imputada no mesmo, polo que non ten tampouco fácil encaixe na competencia plenaria de control e fiscalización dos órganos de goberno provinciais. Debemos ter presente, sigue dicindo, que o dereito que debemos aplicar sempre ha de referirse ó ámbito do ser, é dicir da realidade dos feitos probados e non ao ámbito do deber ser, de posibles xuízos de valor…"