O xurado declara culpable o mozo que matou a coiteladas o noivo da súa nai en Cangas

Pontevedra
21 de novembro 2013

Despois de todo un día de deliberacións o xurado do crime de Cangas emitiu un fallo condenatorio que deixa abertas todas as posibilidades para que a maxistrada da Sección segunda dite sentenza

O acusado durante o xuizo Mónica Patxot

Despois de todo un día de deliberacións o xurado do crime de Cangas emitiu un fallo condenatorio que deixa abertas todas as posibilidades para que a maxistrada da Sección segunda dite sentenza.

Os membros do xurado consideran probado por unanimidade que Francisco matou con aleivosía ao noivo da súa nai "atendendo ás probas achegadas " durante a vista sobre a base das "declaracións das testemuñas", xustificou o voceiro.

Consideran feitos probados que o 8 de xaneiro de 2011, cando se encontraba na cociña do domicilio da súa nai, en torno ás 16.15 horas, sen formulación previa debido ao seu estado mental e sen que mediase discusión previa, de forma súbita lle cravou un coitelo no colo en dúas ocasións ao noivo da súa nai. O agredido, Jorge Fernández Silvoso, faleceu como consecuencia de shock hemorráxico por sección da arteria carótida, producíndose a morte entre 2 e 10 minutos tras a agresión.

Non obstante tamén consideran "por unanimidade" que "non houbo intención por parte do acusado de deixar sen defensa á vítima" e engaden na acta de votación que "non procurou para si un lugar seguro e sen risco", cando asestou dúas coiteladas ao ex garda civil no estreito escenario da cociña do piso da súa nai.

Ademais o xurado, unanimemente afirma que Francisco non ten capacidade para idear un plan polo que descartan a existencia de premeditación no crime.

Só por maioría dos membros do xurado "consideran que non fixo todo o posible para reparar o dano" respecto aos fillos da vítima. Atendendo aos dez mil euros que a defensa de Francisco consignou no banco antes do xuízo para atender á resposabilidade civil.

Á luz deste veredicto as partes mantiveron as súas peticións de condena, é dicir, o Ministerio Público solicitou á presidenta do tribunal que impoña ao acusado unha pena de internamento nun centro psiquiátrico por un período non superior aos 16 anos, que o avogado da familia da vítima eleva ata "non máis de vinte anos".

Igualmente a fiscalía solicita unha indemnización de 100.000 euros, que a acusación particular sitúa en 120.000. Ademais ambos os dous coinciden en que se lle prohiba achegarse á familia da vítima polo tempo máximo que sexa posible.

Pola súa banda a defensa do acusado rebaixou o internamento nun centro psiquiátrico en réxime pechado durante "non máis de sete anos" e fixa a responsabilidade civil en 9.070,93 euros para cada un dos tres fillos, conforme está contemplado por lei para unha vítima de accidente de tráfico e "tendo en conta que estes teñen máis de 25 anos e que non tiñan dependencia económica do seu pai". O avogado explicou que o seu cliente cobra 640 euros ao mes como pensionista polo que significou o "especial esforzo que supón para el facer fronte a esta responsabilidade civil".