As obras de mellora da mobilidade entre Casalvito e O Padrón comezarán "coa maior brevidade"

Poio
02 de xullo 2025

O proxecto inclúe unha actuación integral na rúa Cela e na rúa Padrón, na parroquia de Combarro, e na travesía de Casalvito, en San Xoán, e os seus tres ramais

Casalvito, en Combarro
Casalvito, en Combarro / Concello de Poio

Oito meses. É o tempo que estará en obras a zona situada entre Casalvito e O Padrón, en Poio, debido a unha actuación destinada a mellorar a mobilidade peonil entre estes dous puntos.

O goberno municipai de Poio adxudicou estes traballos por case 668.000 euros, que financiará integramente a Deputación de Pontevedra.

As obras, segundo o alcalde, Ángel Moldes, comezarán "coa maior brevidade".

Moldes destacou que se vai transformar o espazo público para facelo "máis amable, accesible, sostible e seguro".

Así, o proxecto inclúe unha actuación integral na rúa Cela e na rúa Padrón, na parroquia de Combarro, e na travesía de Casalvito, en San Xoán, e os seus tres ramais.

Suporá a renovación do pavimentado en toda a superficie de intervención, eliminando todas as barreiras arquitectónicas e creando unha plataforma única, a dotación de servizos e de iluminación LED, o soterramento de instalacións de subministros e a sinalización.

Estas rúas conectan as parroquias de San Xoán e Combarro, con grande interese tanto veciñal, para servizos sanitarios e alimentarios, como turístico, ao situarse ao carón do casco histórico de Combarro e ser paso da variante espiritual do Camiño de Santiago.

Ademais, mellora tamén o acceso á praia do Padrón, así como do conxunto histórico, e porá en valor este espazo utilizando materiais máis sensibles coas contornas tradicionais, onde existen elementos con grande interese cultural e patrimonial, entre eles cruceiros e lavadoiros.

O alcalde sinalou que este é un proxecto "que encaixa perfectamente coa nosa aposta por un modelo de desenvolvemento sostible", que protexa os valores paisaxísticos, patrimoniais e culturais "e que poña o espazo público ao servizo das persoas".

"Estamos traballando para consolidar a transformación de Poio como un municipio moderno, amable e con calidade de vida", sentenciou o rexedor.