O Concello de Soutomaior adxudicou á empresa Construcciones Vale S.L. as obras de humanización da praza do Souto, no barrio de Moreira, por un importe superior aos 125.000 euros.
A compañía incluíu ademais na súa oferta unha mellora valorada nuns 7.000 euros, que consistirá na instalación de cinco novos puntos de luz para reforzar a iluminación da contorna.
Os traballos terán un prazo de execución de dous meses e está previsto que comecen a finais de agosto.
O obxectivo deste proxecto é transformar este espazo público e adaptalo ás necesidades actuais da veciñanza, con actuacións centradas na mellora a seguridade viaria, a renovación de pavimentos e a ampliación das zonas destinadas ao uso peonil.
A intervención permitirá crear unha contorna máis accesible, cómodo e atractivo, onde se incorporarán zonas verdes, espazos de lecer e materiais de calidade que contribuirán a pór en valor a identidade do barrio.
Segundo o goberno local, a actuación está pensada para mellorar o día a día dos veciños e veciñas e seguir avanzando na recuperación e posta en valor dos espazos públicos do municipio.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que a adxudicación desta obra "supón un paso importante para seguir mellorando os espazos públicos dos nosos barrios".
Neste sentido, subliñou que Moreira conta con "un enorme valor patrimonial e paisaxístico" e que esta actuación permitirá ofrecer á veciñanza "unha praza máis segura, accesible e agradable para gozar".
Lourenzo engadiu ademais que o Goberno municipal continúa avanzando no seu compromiso de investir en actuacións que melloren a calidade de vida da cidadanía e contribúan a revitalizar os núcleos rurais do municipio.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.