O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera anunciou que as obras na rúa da Santiña "posiblemente" non estarán concluídas o 30 de xuño, que era a data marcada no primeiro prazo para o remate desta reforma.
Previsiblemente prolongaranse durante o verán, segundo informou, aínda que se espera que co bo tempo aumente o ritmo da obra.
A día de hoxe os traballos xa teñen practicamente rematada a canalización para soterrar a liña de electricidade. O seguinte paso será a conexión das liñas de media tensión e despois xa se poderá cambiar o servizo e comezar a retirar os postes do tendido eléctrico. Mentres tanto non se poderá formigonar.
O concelleiro de Infraestruturas sinalou que o contrato de adxudicación da obra xa contemplaba unha prórroga automática.
César Mosquera volveu pedir desculpas a todos os residentes afectados e sinalou que, aínda que se perderon catro meses "creo que o resultado final todos compartiremos que ben merece a pena".
VIARIO DE MOLLAVAO
O concelleiro de Infraestruturas tamén comentou que o Concello espera que este mes chegue o informe favorable do administrador ferroviario Adif para poder construír o novo viario de Mollavao que unirá a avenida de Marín con Rosalía de Castro.
Unha vez se dispoña deste informe sectorial do Adif o Concello xa poderá sacar a contratación a obra.
MONTECELO
César Mosquera tamén comentou que o Concello de Pontevedra segue pendente dos plans da Xunta para o viario fronte ao Hospital Montecelo.
A administración autonómica quere ceder este viario ao Concello de Pontevedra xunto a un tramo da pista que chega ao CIFP Carlos Oroza e que será un dos dous accesos ao futuro aparcadoiro de pago do complexo sanitario.
O concelleiro lembrou que esta operación obrigará a modificar o actual plan sectorial de incidencia supramunicipal, ao que o Goberno galego recorreu para axilizar os trámites do hospital único.
Segundo indicou Mosquera, a Xunta quedou de enviar a solución ao Concello pero aínda non deu este paso. "O problema é como se ordena todo iso" indicou en relación onde vai estar a parada do autobús ou a de taxis, cales van ser as circulacións para as entradas e saídas do estacionamento, entre outras cuestións.
"A semana que vén haberá unha reunión técnica, imos ver se traen esa proposta", comentou o edil.