Ocupación hoteleira notable en Sanxenxo, aínda que o sector esperaba máis

Sanxenxo
06 de abril 2026
Actualizado: 10 de abril

Sanxenxo pechou a Semana Santa cun 73,36% de ocupación hoteleira, superando ao ano pasado, aínda que o sector esperaba cifras aínda maiores. Os hoteis de 2 e 4 estrelas lideraron a ocupación

Playa de Silgar llena de gente el Viernes Santo
Playa de Silgar llena de gente el Viernes Santo / PontevedraViva

Sanxenxo superou con solvencia a primeira gran cita do ano para o seu sector turístico.

A Semana Santa sáldase cunha ocupación media hoteleira do 73,36%, unha cifra notablemente superior á do pasado exercicio cando a choiva condicionou a chegada de visitantes.

Con todo, a sensación xeneralizada entre este sector é que o resultado podería ser aínda mellor.

Así o sinala nun comunicado o Consorcico de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), "a Semana Santa termina cos deberes cumpridos, pero con certa sensación de que poderían terse alcanzado mellores rexistros de ocupación".

As condicións meteorolóxicas favorables e un importante volume de reservas realizadas a última hora marcaron o comportamento da demanda durante estes días festivos.

A pesar diso, o balance deixa un sabor agridoce entre os profesionais do sector, que confiaban en alcanzar rexistros máis elevados.

"As condicións eran propicias para superar esa cifra e as boas perspectivas non se viron do todo cumpridas", reflexionou o presidente do Consorcio, Alfonso Martínez.

Por categorías, os hoteis de dous e catro estrelas lideraron os niveis de ocupación, cun 80% e un 79,3%, respectivamente.

Seguíronlles os apartamentos turísticos, que alcanzaron un 76,8%.

No caso dos establecementos dunha estrela, a ocupación media situouse no 72,4%, mentres que os hoteis de tres estrelas rexistraron un 58,1%.

Os cámpings, pola súa banda, rozaron a metade da súa capacidade, cun 48,7%, mellorando de forma significativa os datos do ano anterior.

Desde o CETS destacan que estes resultados confirman a solidez do destino, especialmente entre o turismo nacional e de proximidade, cunha presenza destacada tamén de visitantes portugueses.

No entanto, subliñan a importancia de reforzar a programación de actividades para seguir atraendo viaxeiros e consolidar a posición do municipio no noroeste peninsular.

O sector considera superada esta primeira proba da tempada, aínda que insiste na necesidade de continuar traballando para optimizar os datos de face ao verán, o período crucial para a economía turística local.