Oferta de máis de 1.100 prazas de Formación Profesional na comarca do Salnés

O Salnés
30 de xuño 2021

Luis López, delegado territorial da Xunta, visitaba o IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía para lembrar que o prazo de solicitude de praza para o vindeiro curso permanecerá aberto ata o luns 5 de xullo. A comarca do Salnés disporá de 47 ciclos ordinarios, para adultos, formativos básicos e duais coa incorporación de Informática de Oficina no IES Monte da Vila do Grove

Luis López visita as instalacións de Formación Profesional no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía
Luis López visita as instalacións de Formación Profesional no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía / Xunta de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade anunciou que a comarca do Salnés ofrecerá un total de 1.113 prazas de formación profesional para o próximo curso académico pertencentes a 47 ciclos, a través das modalidades ordinaria, para adultos, programas formativos básicos e duais.

Luís López, delegado territorial da Xunta, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaba o IES Fermín Bouza Brey durante este mércores no Concello de Vilagarcía. Neste municipio a oferta de prazas ascende a 576 distribuídas entre 22 ciclos que se impartirán en cinco centros educativos.

A principal novidade para o próximo curso atópase na incorporación do ciclo de Informática de Oficina no IES Monte da Vila, no Concello do Grove, con 18 prazas en modalidade ordinaria.

A comarca do Salnés e O Ullán ofrecerá 28 ciclos ordinarios, catro presenciais para adultos e un a distancia, un programa formativo básico e tres duais que se impartirán nos cinco institutos de Vilagarcía e no Francisco Asorey, Ramón Cabanillas e  Salesianso de Cambados; no Monte da Vila do Grove; o IGAFA da Illa de Arousa; o IES de Vilalonga de Sanxenxo e no instituto de Valga. Estoutros sete centros amplían a oferta de formación profesional a 537 prazas e 25 ciclos formativos para o curso 2021/22.

O prazo para presentar a solicitude de praza en todos os ciclos formativos finaliza o luns 5 de xullo e a Xunta establece a matrícula da primeira adxudicación para o alumnado admitido a partir do 20 de xullo.