Ofertas de emprego para monitores de tempo libre, coidadores, socorristas e taquilleiros

O Salnés
13 de xuño 2025

As persoas interesadas deberán estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. Os postos abranguen perfís diversos e diferentes períodos de contratación que van dende os 2 ata os 9 meses

Ludoteca do mercado de abastos de Pontevedra, O Ganapán
Ludoteca do mercado de abastos de Pontevedra, O Ganapán / Concello de Pontevedra

O Concello de Ribadumia informa da próxima presentación de diversas ofertas de emprego ante o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) para a cobertura de postos temporais no municipio.

As persoas interesadas deberán figurar como demandantes non ocupadas no SPEG e estar dispoñibles para o emprego, ou no caso dalgúns postos, como demandantes de mellora de emprego, segundo os requisitos específicos de cada oferta. Será o propio SPEG o encargado de realizar a preselección dos aspirantes.

Entre os postos ofertados atópanse dez prazas de monitores de ocio e tempo libre. Será unha contratación de aproximadamente 2 meses. 

Tamén hai dúas prazas de monitores/coidadores para nenos con necesidades educativas especiais. A contratación é de, aproximadamente, 2,5 meses. 

Tamén se buscan dous socorristas para a piscina municipal. Contratación de aproximadamente dous meses e medio. 

O Concello de Ribadumia tamén oferta dúas prazas de vendedores de billetes (taquilleiros) para a piscina municipal. Contratación de aproximadamente 2,5 meses. 

Ademáis, buscan un peón forestal. O contrato ofertado é de aproximadamente 9 meses. 

Por último, hai dúas prazas de peóns tractoristas. Contrato de aproximadamente 9 meses.

Dende o Concello animan a todas as persoas interesadas a revisar e actualizar os seus datos no Servizo Público de Emprego, asegurándose de cumprir os requisitos indicados en cada caso.

Estas contratacións permitirán reforzar os servizos municipais durante os vindeiros meses e, ao mesmo tempo, favorecer a inserción laboral no municipio.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao SPEG ou solicitar máis información nas oficinas municipais do Concello de Ribadumia.