Xa é oficial a declaración do Pazo de Lourizán como ben de interese cultural na categoría de monumento

Pontevedra
30 de abril 2025
Actualizado: 12:49

Coa publicación este mércores no Diario Oficial de Galicia, o goberno galego culmina o procedemento iniciado en maio de 2023 para dotar da máxima protección a todo o complexo

Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán /

A Xunta de Galicia publica este mércores no Diario Oficial de Galicia o decreto que oficializa a declaración do Pazo de Lourizán como ben de interese cultural na categoría de monumento.

O goberno galego culmina así o procedemento tras a tramitación impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que se iniciou en maio de 2023 e contou co respaldo de informes favorables emitidos pola Real Academia Galega de Belas Artes, pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e polo Consello da Cultura Galega.

O decreto abarca a protección dun conxunto arquitectónico e natural de enorme singularidade, no que se inclúe o edificio principal, obra destacada do arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez a comezos do século XX.

Engloba ademais as instalacións anexas como fontes, un muíño, un invernadoiro e estanques, así como o arboredo histórico, recoñecido entre os máis relevantes de Europa.

Esta protección recoñece tamén a súa especial importancia como mostra do eclecticismo arquitectónico influenciado polo estilo do Segundo Imperio Francés, e a súa relevancia histórica e científica ligada á actividade forestal e institucional de Galicia.

O recoñecemento como BIC pon de manifesto o proceso evolutivo do espazo, desde a súa orixe como propiedade agrícola ata o seu posterior uso como residencia señorial e centro de actividade representativa, consolidándose como un referente de cultura, natureza e historia para a cidade de Pontevedra e o conxunto de Galicia.

A declaración tamén subliña a súa vinculación con Eugenio Montero Ríos, así como a súa presenza na literatura e nos relatos históricos asociados a decisións políticas destacadas.

A protección esténdese a toda a finca delimitada, integrada por elementos arquitectónicos e naturais, con especial atención aos accesos, zonas axardinadas, edificacións complementarias e trazados históricos.

A definición do contorno de protección responde á topografía e á configuración do espazo natural, garantindo a súa unidade paisaxística. 

O decreto atribúe ao Pazo de Lourizán un nivel de protección integral, de maneira que calquera intervención deberá ser autorizada previamente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Esta medida busca preservar a integridade do conxunto e asegurar que os futuros usos respecten os seus valores históricos, artísticos e naturais.

Con esta nova declaración, Galicia eleva a 785 o número de bens de interese cultural protexidos.