O Consello da Xunta aprobou este luns o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, o Pazo de Lourizán.
Segundo explicou en rolda de prensa o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trátase dun emblema do patrimonio cultural de Galicia e que "destaca polo súa singularidade arquitectónica, histórica, paisaxística e técnica", indicou.
A declaración chega tras os informes favorables emitidos pola Real Academia Galega de Belas Artes, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e o Consello da Cultura Galega, despois de que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude iniciase este procedemento en maio de 2023 para poñer en valor o seu papel declarado como exemplo de arquitectura civil de estilo ecléctico.
Tal e como explicou o presidente, a protección abrangue un amplo conxunto patrimonial de grande singularidade, que inclúe "o edificio principal, construído a comezos do século XX baixo o deseño de Jenaro de la Fuente Domínguez, así como as instalacións auxiliares", fontes, muíño, invernadoiro, estanques e o arboredo histórico, considerado un dos máis destacados de Europa.
O decreto subliña o seu valor arquitectónico e artístico como "exemplo do estilo ecléctico" influído polo estilo do Segundo Imperio Francés, pero tamén o seu valor etnolóxico, histórico e científico, en canto a que é espazo vinculado á historia institucional galega e á "formación e innovación no eido forestal".
Este recoñecemento pon en valor a evolución histórica do conxunto, desde o seu uso orixinal como granxa agrícola ata converterse nunha quinta señorial de recreo con carácter representativo e institucional, manténdose hoxe como un referente de cultura e natureza únicos da cidade de Pontevedra e da paisaxe galega.
Ademais, tamén destaca a súa vinculación con Eugenio Montero Ríos como personalidade política da transición ao século XX, as diferentes mencións na documentación e literatura ao Pazo, así como o feito de que os seus xardíns como lugares en que puideron acontecer momentos e decisións políticas relevantes.
O expediente inclúe o mapa de delimitación do ben e a súa contorna de protección, que recolle a totalidade do predio e dos elementos arquitectónicos, naturais e paisaxísticos que conforman o Pazo de Lourizán.
A delimitación responde á morfoloxía do terreo e á integración visual e funcional dos espazos protexidos, incluíndo accesos, camiños, zonas axardinadas e edificacións vinculadas ao uso orixinal e actual do conxunto.

O decreto establece para o Pazo un nivel de protección integral, o cal garante a conservación de todos os elementos e impón a obriga de obter autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para calquera intervención.
Esta figura de protección permitirá preservar a súa identidade histórica e cultural, e orientar os futuros usos segundo os criterios establecidos pola Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia.
Rueda lembrou que a Xunta está a investir "máis de 17,3 millóns de euros na restauración e rehabilitación" do Pazo de Lourizán para abrir o complexo "ao conxunto da cidadanía".
Unhas obras que arrancarán ao longo deste ano coa previsión de que estean rematadas a finais de 2026 ou comezos de 2027.
Con esta nova declaración, Galicia suma xa 785 bens de interese cultural, dos cales 112 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de 2016, consolidando o compromiso da Xunta coa protección do patrimonio cultural galego.

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán
