O Concello de Poio converterase no primeiro municipio da provincia de Pontevedra en dispoñer dunha oficina móbil da Policía Nacional para a expedición e renovación do DNI e pasaporte, un servizo que permitirá realizar estes trámites en menos de quince minutos.
O alcalde Ángel Moldes confirmou hoxe, tras reunirse cos responsables do proxecto VIDOC na Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra, que este innovador servizo comezará a funcionar nas próximas semanas.
A unidade móbil, que se desprazará por diferentes parroquias do municipio, iniciará a súa actividade na contorna da parroquia de San Salvador.
"Trátase dunha iniciativa fundamental para achegar a administración á cidadanía e facilitar trámites esenciais de xeito sinxelo e cómodo, preto das súas casas", explicou Moldes.
O servizo beneficiará non só aos veciños de Poio, senón tamén aos concellos limítrofes.
A xestión realizarase mediante cita previa, que deberá solicitarse na Alcaldía do Concello a través do teléfono 986 77 00 01 (extensión 1202).
A furgoneta estará equipada para realizar o pago das taxas tanto en efectivo como con tarxeta.
Esta oficina móbil, enmarcada no proxecto VIDOC (vehículos integrais de documentación), evitará desprazamentos innecesarios á comisaría e permitirá completar nun único trámite a expedición ou renovación dos documentos.
A Comisaría de Pontevedra anunciará proximamente o calendario detallado do servizo para que a veciñanza poida solicitar as súas citas.