Oitenta e seis locais de hostalería das comarcas de Pontevedra e Caldas reciben axudas para as súas terrazas

Pontevedra
26 de maio 2021

Case 651.000 euros en axudas recibirán os 86 establecementos de hostalería das comarcas de Pontevedra e Caldas que se acolleron ao programa impulsado pola Xunta de Galicia para acondicionar as súas terrazas e impulsar as súas entregas a domicilio

O delegado da Xunta, Luis López, na terraza de El Cafetín
O delegado da Xunta, Luis López, na terraza de El Cafetín / Xunta de Galicia

Case 651.000 euros en axudas recibirán os 86 establecementos de hostalería das comarcas de Pontevedra e Caldas que se acolleron ao programa impulsado pola Xunta de Galicia para acondicionar as súas terrazas e impulsar as súas entregas a domicilio.

É unha das iniciativas que se puxeron en marcha para combater os efectos da crise sanitaria creada pola pandemia da covid-19.

De Pontevedra (48) son a metade dos hostaleiros beneficiados, que recibirán un total de 321.612 euros para financiar uns investimentos que superaron os 402.000 euros.

Serán 206.000 euros para pechamento de terrazas, 109.000 euros para adecuación destes espazos exteriores e 86.000 euros para envases e materiais de envío de pedidos a domicilio.

Poio (11) con 81.709 euros, Vilaboa (6) con 65.614 euros, Caldas (5) con 32.071 euros, Ponte Caldelas (4) con 35.472 euros, Cuntis (3) con 23.891 euros) e Barro (1) con 3.144 euros son os municipios nos que están os hostaleiros que recibirán as axudas.

As subvencións complétanse con oito establecementos de Catoira, Valga e Ponte Cesures.

O delegado da Xunta, Luis López, explicou nunha visita a El Cafetín que con estas axudas se pretende dotar da máxima seguridade á hostalaría, xa que están orientadas á instalación, reforma e pechamento de terrazas, á compra de mobiliario, á adaptación de espazos exteriores e á adquisición de elementos de envasado para o servizo a domicilio.