Oito empresas optan ao novo contrato de mantemento de xardíns e zonas verdes

Pontevedra
13 de febreiro 2015

A suspensión provisional da tramitación do novo contrato de mantemento e limpeza de xardíns e zonas verdes da cidade, ordenada polo Tribunal Administrativo Central, non afectou ao interese das empresas por conseguir unha concesión que roldará, inicialmente, os 700.000 euros anuais

Operario do servizo e mantemento de xardíns de Pontevedra
Operario do servizo e mantemento de xardíns de Pontevedra

A suspensión provisional da tramitación do novo contrato de mantemento e limpeza de xardíns e zonas verdes da cidade, ordenada polo Tribunal Administrativo Central, non afectou ao interese das empresas por conseguir unha concesión que roldará, inicialmente, os 700.000 euros anuais. Oito empresas presentaron as súas ofertas para lograr a adxudicación deste servizo, entre elas a actual adxudicataria.

Elsamex presentou a documentación dentro do prazo fixado, ao igual que outras sete empresas. A maior parte concorrerán como unión temporal de empresas (UTE), é dicir, varias compañías que se presentan xuntas ao concurso. Trátase de Construcciones San José-El Ejidillo Viveros Integrales, Arbogal-Redenor, Imesapi-Xérmolo e Audeca-Covsa. Completan a lista Valoriza Servicios Medioambientales, Cespa e Orto Parques y Jardines.

Ningunha destas ofertas será aberta pola Mesa de Contratación ata que o Tribunal Administrativo Central, dependente do Ministerio de Facenda, resolva o recurso presentado polo Partido Popular, que citaba irregularidades no prego de licitación do novo contrato.

En liñas xerais, a empresa que logre este novo contrato deberá facerse cargo durante os próximos catro anos duns 884.000 metros cadrados de xardíns e zonas verdes. Introdúcense algunhas outras novidades no novo contrato como son o mantemento e reposición do arboredo viario, as rotondas ou a intensidade do traballo nalgunhas zonas como a Illa das Esculturas ou a Xunqueira de Alba.

En canto ao persoal, o prego contempla trece traballadores, dous máis que na actualidade.