Ollo! Estes sacos non son de obra, son por precaución

Pontevedra
12 de abril 2017

Do mesmo xeito que ocorreu en Nadal, Pontevedra instalou sacos cheos de grava no inicio da zona peonil da rúa Benito Corbal e no acceso á praza de España e prevese en máis puntos como medida preventiva para o acceso de camións ao centro histórico ante o nivel 4 de alerta antiterrorista decretado polo Ministerio do Interior

Sacos de grava instalados na praza de España Mónica Patxot

España afronta a Semana Santa en nivel 4 de alerta antiterrorista por risco alto de atentado e Pontevedra non é unha cidade allea ás medidas de seguridade destinadas a evitar perigos potenciais. A máis visible de todas púxose en marcha nos accesos á zona peonil, pola que pasan as procesións e prodúcense as principais aglomeracións durante os días festivos, e consiste en colocar sacos cheos de grava que impiden o paso de vehículos

Do mesmo xeito que ocorreu xa en Nadal, a Policía Local colocou estes sacos no inicio da zona peonil da rúa Benito Corbal e no acceso á praza de España. Ademais, prevese a súa colocación noutros puntos como a contorna da praza de Valentín García Escudeiro. 

A alerta 4 adoptouse en base á clasificación prevista no Plan de Prevención e Protección Antiterrorista, que recolle cinco niveles de alerta, e derivou na difusión por parte do Ministerio do Interior dunha serie de medidas preventivas para que se apliquen en localidades de toda España. Unha vez que se decreta a alerta 4, a mesma na que estaba España o pasado Nadal, Interior pide aos municipios que apliquen esas medidas para blindarse ante a ameaza terrorista que se aprecia.

No caso de Pontevedra, estes sacos protectores teñen como obxectivo evitar o acceso de camións e outros vehículos ás zonas con maior concentración de persoas, baixo a premisa de que nos últimos meses producíronse atentados en todo o mundo seguindo ese modus operandi. A maiores, a Policía Local extremará durante todos estes días o control sobre todos os camións que accedan á cidade. 

Respecto diso, desde a Policía Local lembran que durante todo o ano xa é necesario que os camións de máis de 3,5 metros de longo pidan permiso para acceder a Pontevedra. Durante esta semana Santa, se extremerán as precaucións e a previsión é parar e pedir a documentación a todos os que circulen polo centro.