Once agrupacións participarán esta semana no Concurso de Murgas

01 de marzo 2014

A gañadora recibirá un premio de 1.200 euros e cada murga obterá 200 euros como gratificación por ter participado no certame

Murga 'PTV Penitentes de Toda la Vida', gañadores do certame 2013
Murga 'PTV Penitentes de Toda la Vida', gañadores do certame 2013 / Diego Torrado

O luns ás 21.00 horas comezará no Pazo da Cultura unha das citas máis esperadas das Festas do Entroido como é o Concurso de Murgas no que, nesta edición, participarán once agrupacións. Este sábado desenvolveuse o sorteo na Concellaría de Festas para decidir os grupos que actuaban en cada unha das semifinais.

O luns intervirán por esta orde: Os do Val do Lérez. Sincronizadas olímpicas de Pontevedra; Don Jo-Don; Os da Baiuca; Os de Noalla; Os Garoulos e a Murga do Naveiro presenta Circogénesis. O mércores 5 chegará a segunda semifinal para a que o sorteo determinou que participaran os seguintes grupos: Equipo Ja; Los Goya son cosa de artistas; Murga Femenina de Pontevedra. Pontevisión; Murga de Colon PTV e pechará esta segunda eliminatoria unha das agrupacións habituais destes certames, Amoriños de Bora.

A final será o xoves 6 de marzo ás 21.00 horas tamén no Pazo da Cultura.

Todos os grupos participantes terán que estar compostas por un número mínimo de cinco persoas e un máximo de vinte e terán que ir acompañadas dalgún instrumento. O tempo destinado a cada actuación é de 30 minutos como máximo.

Cada murga recibirá 200 euros como gratificación e a contía dos premios oscila entre os 750 euros que recibirá a cuarta clasificada e os 1.200, que obterá a gañadora.

Arquivado en