Once empresas aspiran a reformar o albergue de peregrinos de Pontevedra

Pontevedra
26 de maio 2021

O proxecto está destinado a acondicionar, renovar e modernizar as instalacións deste albergue para presentar unha oferta de calidade e de sustentatibilidade e ter todo preparado para recibir aos peregrinos

Inauguración da ampliación do Albergue de Peregrinos PontevedraViva

Un total de 11 empresas optaron ao proxecto das obras de melloras do albergue de peregrinos de Pontevedra, no que se farán actuacións de eficiencia enerxética por importe de 430.000 euros e cun prazo de duración de 6 meses.

Segundo informou a Vicepresidencia primeira da Xunta, o proxecto está destinado a acondicionar, renovar e modernizar as instalacións deste albergue para presentar unha oferta de calidade e de sustentatibilidade e ter todo preparado para cando a situación sanitaria permita recibir aos peregrinos. 

Entre as actuacións que se van levar a cabo no albergue destacan melloras na cuberta, no peche exterior da edificación ou a instalación dun novo pavimento, así como a substitución das carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica. 

Tamén se incorporarán vidros de control solar naquelas fachadas con maior exposición ao sol, instalarase un sistema de calefacción a base de chan radiante por electricidade e un recuperador de calor de alta eficiencia para unha ventilación adecuada.