Once empresas optan á xestión do abastecemento e saneamento en Poio

Poio
27 de decembro 2025

O contrato ten un valor estimado de 54,8 millóns de euros e a empresa concesionaria terá que asumir a execución de investimentos por valor de 15,4 millóns

Vista aérea de Poio Terras de Pontevedra

Once empresas pugnan por xestionar a auga de Poio durante os próximos 25 anos. O Concello vén de pechar esta semana o prazo de presentación de ofertas para o contrato de saneamento e abastecemento, un dos máis relevantes da última década, cun valor estimado de 54,8 millóns de euros e cun importante paquete de investimentos obrigatorios que supera os 15,4 millóns.

Á convocatoria responderon compañías de primeiro nivel do sector, tanto a título individual como en unións temporais de empresas. Entre elas figuran Acciona Agua, Espina y Delfín, Aqualia, Sacyr Agua, Viaqua ou Global Omnium, o que desde o goberno local interpretan como unha proba clara do atractivo do contrato e do rigor co que foi elaborado o prego de condicións.

Desde o Concello de Poio destacan que esta elevada participación favorece a competencia e abre a porta a conseguir mellores prezos, maior calidade no servizo e propostas máis innovadoras.

Ademais, subliñan que reforza a transparencia e a lexitimidade do proceso de adxudicación, permitindo seleccionar unha oferta cunha boa relación calidade-prezo e con melloras técnicas que redunden nunha xestión máis eficiente da auga.

O proceso, recoñecen, non será sinxelo. Un equipo técnico municipal analizará de maneira detallada cada unha das propostas presentadas antes de que a Mesa de Contratación resolva a adxudicación mediante procedemento aberto. O obxectivo final é garantir un servizo de calidade á veciñanza durante todo o período do contrato.

Un dos alicerces fundamentais deste novo acordo serán os investimentos en infraestruturas. O plan prevé actuar de maneira prioritaria en zonas que arrastran importantes déficits históricos, como Vilariño e Fragamoreira, dous núcleos sen rede de saneamento e abastecemento, ou a Caeira, onde as roturas son frecuentes polo mal estado das tubaxes.

Segundo o cronograma incluído no contrato, os traballos concentraranse nos catro primeiros anos. No primeiro exercicio destinaranse 4,6 millóns de euros a dotar de servizos básicos a Vilariño-Fragamoreira e a rúas como San Antoniño, Río Miño ou Illa de Ons. No segundo ano, o investimento superará os 3,4 millóns para mellorar redes en Samieira, Combarro e distintos camiños e vías da PO-308. O terceiro ano contará cun orzamento de 2,3 millóns para actuacións en Raxó, Chancelas e a avenida da Praia, mentres que no cuarto ano se investirán 1,3 millóns en conexións e redes na Escusa e no ámbito do río Mouro.

A maiores destas actuacións obrigatorias, o contrato inclúe melloras como a construción dun novo depósito da ETAP e a súa conexión no Sartal, cun investimento adicional de 3,8 millóns de euros. Un conxunto de obras co que o Concello de Poio aspira a dar un salto cualitativo na xestión da auga e a responder a unha das principais demandas da cidadanía.

Vista aérea de Poio   Concello de Poio