Lola é unha lora gris africana, ten a cola vermella, fala algunhas palabras, imita sons, é moi cariñosa e, para Manuel González, ten un valor sentimental impagable.
Leva un ano con el, desde que faleceu o seu primeiro propietario, Jonathan Núñez, nun accidente laboral en agosto de 2024, e súmase o agarimo que ten polo propio paxaro co recordo do seu anterior dono, ao que estaba moi unido.
Todo sumado permite comprender á perfección o día e medio de angustia que pasou Manuel, un mozo de Marcón de 23 anos, desde que Lola saíu voando o luns ata que na mañá deste mércores puido volver abrazala.
A historia ten final feliz, pois na mañá deste mércores, atopouna na zona da Cidade Infantil Príncipe Felipe. Moi contento, abrazouse a ela e respira aliviado.
Lola e Manuel viven no lugar da Ermida, na parroquia de Marcón, e é habitual que estea con el no xardín ou en exteriores sen que se vaia a ningún sitio, pero este luns, por sorpresa, botou a voar e non regresou á casa.

"Chegue de traballar e, como fago sempre, abrinlle a gaiola e subiu cara arriba, onde está o pau. Tiña todo aberto, como teño sempre. Fun cambiar a auga e a comida e aí marchouse", relataba este mércores, pouco antes de que aparecese, aínda pendente do teléfono por si recibía algunha chamada con noticias.
Xusto antes de marcharse, "deu Jona, colleu e botouse a voar". Puxo rumbo ao lugar no que faleceu o seu primeiro dono, en Ferros Durán, no lugar de Pazos, en Marcón, non moi lonxe da súa casa.
Pasouse toda a tarde do luns e a xornada do martes buscándoa, compartiu fotos e vídeos en redes sociaies. Chegou a ofrecer unha recompensa á persoa que lle dese noticias, ata que esas noticias chegaron finalmente a última hora da mañá do mércores.

"Chamáronme e fun ver si era capaz de collela", relata. E conseguiuno. Tivera xa un simulacro o martes, cando lle dixeron que a viron nas proximidades do lugar no que faleceu Jonathan.
Empezaron a silvar e localizárona nunha árbore, pero "ao cinco minutos moveuse para outro piñeiro e ao cinco, para outro". E, ao final, perdéronlle o rastro, "toda a tarde buscando para nada".
Chegaron a levar a esta zona a outro papagaio co que convivira antes de irse con Manuel, pero tampouco así lograron captar a súa atención até este mércores.
Como prometera, Manuel ofreceu á persoa que a localizou e o chamou unha recompensa, pero non quixo nada.
Agora, Manuel está feliz co seu reencentro, pois horas antes recoñecía que "estamos mal por de quen era e por como era, porque era como unha persoa. Chegabas e dicíache ola; íasche e dicíache chao; chamaba aos cans, Gala, Thor; imitaba sons; moitas cousas. Era como un neno pequeno".