Onde se anunciarán agora as vodas?

Pontevedra
10 de outubro 2014

A retirada da pasarela de Estribela ten outra consecuencia imprevista como é a desaparición dun dos principais escaparates que os veciños da zona utilizaban para anunciar determinados eventos sociais

Retirada da pasarela de Estribela Diego Torrado

A pasarela peonil de Estribela xa é historia.

Na noite deste xoves procedeuse á desmontaxe do viaduto, o que obrigou a cortar á circulación neste punto da estrada PO-11 e desviar o tráfico pola praza de Marqués de Valterra.

A medida obrigou a prohibir o aparcadoiro en Marqués de Valterra para dispoñer dun dobre carril provisional.

Para garantir a seguridade dos peóns que queiran cruzar esta estrada o concello ten prevista a construción de tres pasos de peóns elevados para "calmar o tráfico".

O presuposto total destes traballos supera os 140.000 euros.

A retirada da pasarela ten outra consecuencia imprevista como é a desaparición dun dos principais escaparates que os veciños da zona utilizaban para anunciar determinados eventos sociais.

As pancartas de voda tiñan na pasarela un enclave de luxo que funcionaba como taboleiro de anuncios para os amigos bromistas do futuro matrimonio. Unha particular portada do Hola feito con sabas vellas e salpicado de orixinalidade, amor e humor.