A oposición marinense denuncia a falta de xestión municipal no aparcadoiro do Campo e no solo empresarial

Marín
25 de xaneiro 2025
Actualizado: 18:04

O BNG considera un "fracaso" o aparcadoiro disuasorio do Campo, mentres o PSOE lamenta que Marín se estea a "quedar atrás" na actividade empresarial

Obras no aparcadoiro de Ameal, no Campo, en Marín
Obras no aparcadoiro de Ameal, no Campo, en Marín / Xunta de Galicia - Arquivo

Os grupos municipais do BNG e PSOE en Marín intensifican as súas críticas á xestión do goberno local que preside María Ramallo, centrándose en dous aspectos que consideran cruciais para o desenvolvemento do municipio: o aparcadoiro disuasorio de O Campo e a ausencia de solo empresarial.

O BNG alerta sobre o que cualifica como "fracaso" do aparcadoiro disuasorio do Campo, unha infraestrutura que, malia estar operativa desde o verán de 2024, permanece "practicamente sen uso".

Os nacionalistas mostran a súa preocupación polo convenio asinado coa Consellería de Presidencia, que obriga ao Concello a asumir os custos de explotación e mantemento sen axudas adicionais, cunha vixencia inicial ata finais de 2025, prorrogable por catro anos máis.

Segundo o grupo nacionalista, resulta "inxustificable" que o Concello teña que asumir o mantemento dunha infraestrutura que, malia ser financiada inicialmente con fondos europeos Next Generation, "non cumpre co seu obxectivo inicial de mellorar a mobilidade".

Pola súa banda, o PSOE, a través do seu concelleiro Manuel Pazos, denuncia a "total deixadez" do goberno local na procura de solo empresarial.

Os socialistas lembran que hai dous anos presentaron unha moción, aprobada por unanimidade, para que a Zona Franca de Vigo estudase a posibilidade de impulsar áreas empresariais no municipio, unha iniciativa que, segundo Pazos, "segue absolutamente paralizada".

O edil socialista critica que a única xestión realizada pola alcaldesa nestes dous anos foi "enviar o acordo plenario á Zona Franca", mentres outros concellos como Poio, Caldas ou Ponte Caldelas xa colaboran activamente con este organismo para desenvolver áreas empresariais.

Para o PSOE, esta inacción, xunto coa problemática da vivenda e do comercio, está provocando que Marín "se estea quedando atrás", recordando a perda de case 2.000 veciños desde o inicio do mandato de Ramallo.