"Órdago á grande" da Deputación. Ofrece á Xunta o traspaso de 6 equipamentos

Pontevedra
07 de marzo 2019

A Deputación de Pontevedra pide á Xunta que cre unha comisión mixta de transferencias para o traspaso das fincas de Mouriscade, a estación fitopatolóxica do Areeiro, a escola de Enfermería, a escola de Cantería, a cidade infantil Príncipe Felipe e o Museo de Pontevedra

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

Coma un "órdago á grande" a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva pediu ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo que "mañá mesmo" convoque unha comisión mixta de transferencias para que a comunidade autónoma asuma o traspaso unha serie de competencias que a día de hoxe esta xestionando a administración provincial.

En concreto, Carmela Silva expuxo as transferencias das fincas de Mouriscade, a estación fitopatolóxica do Areeiro, a escola de Enfermería, a escola de Cantería, a cidade infantil Príncipe Felipe e o Museo de Pontevedra. Todos eles son "competencia exclusiva da Xunta de Galicia", apuntou.

"Estamos dispostos a transferir eses seis equipamentos" e ademais, engadiu Carmela Silva "estamos dispostos a darlles 10 millóns de euros anuais para que a Xunta asuma esas transferencias con dotación económica".

Carmela Silva lembrou que o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera comunicou o inicio do procedemento para converter ao Museo Provincial nun organismo autónomo "para que recupere a autonomía que perdeu co Partido Popular cando era presidente o señor Louzán". "Ser organismo autónomo facilita moitísimo a transferencia", sinalou.

A presidenta da Deputación fixo referencia á carta "por non chamarlle pasquín" enviada polo conselleiro de Cultura Román Rodríguez na que lle anuncia que a Xunta estaría "disposta a asumir a xestión" do Museo e expón "iniciar a negociación para lograr unha transferencia efectiva do devandito equipamento cultural".

Carmela Silva tamén preguntou a Román Rodríguez, como responsable de Patrimonio Histórico, se está disposto a poñer nos orzamentos "os 14 millóns euros que son necesarios para a conservación do Pazo de Lourizán" un inmoble histórico que é propiedade da Deputación pero que está cedido á Xunta.

Finalmente a mandataria provincial insistiu en que "mañá mesmo", 8 de marzo, cre esa comisión mixta de transferencias para que se reúna o vindeiro luns "se pode ser, porque mañá a presidenta da Deputación fai folga".