"Por elas". É o nome que recibe a andaina solidaria que organizará o Centro de Información á Muller de Sanxenxo o próximo 29 de decembro.
O acto, que terá no recordo a todas as mulleres que foron asasinadas ao longo deste 2019, pretende ser un evento reivindicativo para reclamar a igualdade entre homes e mulleres e a eliminación da violencia machista.
Esta marcha partirá ás 11.00 horas da carpa situada na Praza dos Barcos e fará un percorrido de cinco quilómetros que pasará polo CIM de Portonovo.
As persoas que desexen participar terán que levar un quilo de alimentos non perecedoiros, pois esta andaina tamén ten o fin solidario de colaborar coas persoas que máis o precisan.
Esta andaina organízase un ano máis para reclamar tamén catro valores sobre os que debe xirar a loita para a eliminación deste tipo de violencia, que son o respecto, a tolerancia, a implicación e a responsabilidade, sinalan desde o CIM.