Bicicletas, triciclos, patíns, cadeiras de bebé, cadeiras de rodas... en definitiva, calquera vehículo a rodas sen motor. Así poderá participar calquera pontevedrés que o desexe na denominada Marcha sobre rodas, organizada por ASPACE Galicia. Trátase dunha actividade, enmarcada no Ano Galego da Parálise Cerebral, coa que se busca visibilizar esta e outras discapacidades e sensibilizar á sociedade sobre elas.
Esta primeira edición da marcha, pretende que ser itinerante e celebrarse en todas as cidades galegas, celebrarase o próximo domingo 6 de xullo ás 11.30 horas. Consistirá nun paseo polo centro histórico de Pontevedra, unha cidade, que, segundo indicou o presidente de ASPACE Galicia, Eulogio López, é a localización idónea para realizar esta actividade por "ser un modelo a seguir" en materia de accesibilidade.
"Pontevedra o merece porque se fixo un esforzo notable para facela accesible a todas ás persoas", sinalou o presidente deste colectivo. Neste sentido, os organizadores apuntaron que pretenden que esta actividade "sexa algo festivo", para celebrar a accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas realizada na cidade e visibilizar os problemas cos que se encontran as persoas con discapacidade.
A esta Marcha sobre rodas acudirán tamén os participantes do programa Hefesto, dependente dos servizos sociais municipais, que busca deseñar intervencións innovadoras, atractivas e inclusivas para os pontevedreses con problemas de mobilidade. Así, xunto con ASPACE, colaborarán neste evento as asociacións Down Pontevedra-Xuntos, Alba, Juan XXIII, Amizade e o Centro Méndez Núñez.
A marcha, que terá unha duración aproximada de media hora, concluirá na Praza de Mugartegui, onde se celebrará un fin de festa no que terá lugar unha degustación de polbo a prezos populares.
Segundo destacaron Carmen Fouces e Miguel Filgueira na presentación desta actividade, trátase dunha "oportunidade" para que a xente visualice a problemática das persoas con discapacidade cerebral ou motora. Destacaron que Pontevedra é unha cidade "integradora" e este tipo de iniciativas demostran, sinalaron, que "cando se planifican ás cousas facémolo para que poida participar todo o mundo".