Organizan un roteiro a pé polo Pituco

Marín
04 de abril 2015

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o vindeiro domingo 12 de abril un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do Monte Pornedo (ou Pituco), na parroquia marinense de San Xulián, integrado dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo

Andaina polo Monte Pituco Antón Lois e Rita Fontán

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o vindeiro domingo 12 de abril un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do Monte Pornedo (ou Pituco), na parroquia marinense de San Xulián, integrado dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo.

Esta andaina, coa que a plataforma retoma as súas actividades nesta primavera, será circular e sairá ás 11 da mañá da arboreda do Monte Pituco preto do cruce co Regueiriño, para rematar no mesmo punto arredor das 14:00 horas.

O percorrido transcorrerá por camiños, corredoiras e pista forestal pola ribeira do nacemento do rego de Pornedo, Outeiro da Barcia, ribeira de nacemento do rego da Agrela, Chan da Lagoa, Sete Camiños e Coto de Pornedo.

Os puntos de maior interese que se visitarán son as plantacións forestais e monte baixo da ribeira do nacemento dos regos de Pornedo e Agrela e Outeiro da Barcia, as mámoas neolíticas de Chan da Lagoa e de Sete Camiños, os petróglifos da Idade do Bronce de Sete Camiños e o complexo rupestre de Pornedo, xunto cos gravados modernos de José Meijón, ademais de penedías e o miradoiro do alto de Pornedo.