Organizan unha xornada formativa para identificar e traballar cos escolares de altas capacidades

Pontevedra
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Vai celebrarrse durante o 27 e o 28 de abril no Pazo da Cultura coa intervención da psicopedagoga Yolanda López Iglesias, profesora especializada experta en Educación Personalizada, Alta Capacidade e Desenvolvemento do Talento. Organizada pola Rede Cría e o Concello de Pontevedra, as sesións serán gratuítas, previa inscrición. Actualmente en Galicia hai identificados un 0,61% de escolares con altas capacidades cando os estudos indican que un 10% do alumnado presenta estas características

Imaxe da Rede Cría
Imaxe da Rede Cría

Ata duascentas persoas terán oportunidade de participar durante o sábado 27 e o domingo 28 de abril no Pazo da Cultura nunha xornada destinada principalmente a profesionais educativos, traballadores de Benestar Social e familias con nenos e nenas con altas capacidades.

A psicopedagoga Yolanda López Iglesias, profesora universitaria experta en Educación Personalizada, Alta Capacidade e Desenvolvemento do Talento, principal especialista en España sobre esta materia, será a encargada de impartir as sesións que son gratuítas, previa inscrición no correo electrónico: [email protected]

A Rede Cría é a encargada de organizar este evento formativo en colaboración co Concello de Pontevedra. A presidenta do colectivo Nadia Lamarca explicaba, acompañada polo concelleiro de Educación, Demetrio Gómez; e por Tamara Campos, nai dun menor con alta capacidade, que en Galicia contan con varios problemas para integrar a este colectivo con necesidades académicas específicas.

Sinala que estes escolares presentan un 70% de maior prevalencia de fracaso escolar e baixo rendemento; ademais dun 50% de posibilidades de sufrir acoso escolar nas aulas fronte ao 30% do alumnado neurotípico.

Esta situación, segundo apuntaba Lamarca, increméntase pola "falta de formación dos adultos que acompañan a estes nenos" xerando dificultades de inclusión educativa que repercuten na integación social. Como consecuencia xéranse condutas de risco como o absentismo escolar.

Lembran que continúa existindo un trato baseado en mitos, ideas obsoletas e prexuízos en relación con estes menores porque as persoas que traballan con eles carecen de formación e de recursos para tratar a este alumnado.

Nadia Lamarca explicaba tamén que "as familias demandamos ferramentas porque no día a día non saben como actuar".

"Acodes a departamentos de orientación e están moi saturados", argumenta Tamara Campos, "non teñen formación destes nenos e nenas. Non saben que lles pasa". Indica que o profesorado moitas veces descoñece como detectar estes casos de escolares "con baixo rendemento, que se aburren e non queren ir ao cole". As solucións terminan buscándose en profesionais privados, que supoñen un importante gasto para a economía familiar, segundo relata esta nai pontevedresa dun neno con alta capacidade.

Afirman que existe un protocolo por parte da Xunta de Galicia que "en papel está moi ben", asegura Lamarca, para recoñecer que "non hai nin recursos nin formación". 

Os estudos, segundo a Rede Cría, mostran que un 10% do alumnado presenta altas capacidades, do que en Galicia só está identificado un 0,61%.