A Xunta de Goberno local de Pontevedra aprobou este xoves unha batería de acordos que afectan á iluminación das próximas campañas de Nadal, Entroido e verán, á xestión recadatoria de multas de tráfico, á regularización do centro de piragüismo do Pontillón do Castro, a unha actuación de saneamento en Campolongo e ao patrocinio do Río Verbena Fest.
En primeiro lugar, o goberno local deu luz verde ao expediente de contratación para a subministración e instalación da iluminación festiva das próximas campañas de Nadal 2026-2027, Entroido 2027 e as festas de verán 2027, cun orzamento de 293.000 euros.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que a partida destinada á campaña do Nadal ascende a 230.600 euros, o que supón un incremento do 25% respecto ao ano anterior.
O orzamento para o Entroido mantense en 20.800 euros e o das festas de verán en 41.600 euros.
O contrato divídese en tres lotes, un para cada período festivo.
XESTIÓN RECADATORIA DE MULTAS DE TRÁFICO
O goberno local tamén deu luz verde á nova contratación do servizo de colaboración na xestión recadatoria das multas de tráfico, concretamente na súa vía executiva.
O contrato, que substitúe ao anterior xa finalizado, terá unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga anual até un máximo de cinco. O orzamento ascende a 234.120 euros para o período inicial.
PONTILLÓN DO CASTRO
Outro dos acordos adoptados foi a concesión da licenza de primeira ocupación, utilización e apertura do centro de piragüismo do Pontillón do Castro, unha infraestrutura finalizada en 2007 cuxa tramitación administrativa quedara pendente durante anos.
Lores explicou que os atrasos responderon a problemas de delimitación do ámbito do proxecto, que afectaban a terreos de distinta titularidade.
A licenza concedida abarca unha superficie de 16.920 metros cadrados, incluíndo o vaso do encoro e as edificacións vinculadas ao complexo.
REDE DE SUMIDOIROS E PLUVIAIS EN CAMPOLONGO
O Concello autorizou a instalación dun tramo de rede de sumidoiros e pluviais en Campolongo, na contorna da urbanización do ONCE, mediante unha servidume gratuíta e permanente.
A actuación permitirá completar a urbanización da zona e mellorar a conexión das redes de saneamento. O ONCE asumirá o custo íntegro das obras e executará parte do novo viario que dará continuidade a varias rúas e mellorará o acceso a equipamentos como o centro do ONCE, o centro ocupacional Xoán XXIII e o IES Torrente Ballester.
RÍO VERBENA FEST
Por último, o Concello aprobou o patrocinio do Río Verbena Fest, que se celebrará os días 21 e 22 de agosto na chaira exterior do recinto feiral.
A achega municipal será de 121.000 euros, 100.000 máis IVE, mesma cifra que o ano anterior.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.