Os 160 beneficiarios do Plan Supera20 recibirán unha axuda media de 3.000 euros

Pontevedra
30 de novembro 2020

Os preto de 800.000 euros que quedaron sen asignar nesta convocatoria, que tiña unha partida de 1,25 millóns de euros, serán destinados a unha nova liña de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia da covid-19

Fernández Lores e Anabel Gulías visitan as oficinas de Supera20
Fernández Lores e Anabel Gulías visitan as oficinas de Supera20 / Mónica Patxot

Case 482.000 euros recibirán os 160 beneficiarios do Plan Supera20, a liña de axudas aprobada polo Concello de Pontevedra para autónomos e microempresas. Así o sinalou a portavoz municipal, Anabel Gulías.

Todos eles terán a contía íntegra que solicitaron, ata un máximo de 5.000 euros. Isto supuxo, segundo Gulías, que a media das axudas situárase nuns 3.000 euros

Este diñeiro servirá para financiar as actuacións realizadas nos negocios, no primeiro estado de alarma da pasada primavera, para adaptarse ás novas restricións e protocolos impostos pola pandemia da covid-19.

Das 222 solicitudes presentadas, dez foron descartadas ao chegar fóra de prazo. Todas as demais foron tramitadas pero 43 foron desestimadas finalmente por razóns administrativas. Outras nove non chegaron a bo porto por desistencia do interesado.

Unha de cada tres destas axudas é para establecementos de hostalería, que recibirán uns 180.000 euros. O comercio polo miúdo tamén rexistrou un gran número de solicitudes que, destacou a portavoz municipal, atenderon a un "amplo abano" de actividades.

Os preto de 800.000 euros que quedaron sen asignar nesta convocatoria, que tiña unha partida de 1,25 millóns de euros, serán destinados a unha nova liña de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia da covid-19.

Anabel Gulías explicou que estas axudas manterán a "mesma filosofía" e serán fondos "finalistas" para subvencionar actuacións e proxectos concretos para que este diñeiro teña un "efecto multiplicador" na economía pontevedresa.

Iso si, a portavoz do goberno municipal avanzou que se modificarán as bases e non se descartan axudas "máis xeneralistas" que cheguen a máis tipos de sectores económicos.

O Concello asegura que "aceleraremos os prazos administrativos" para poder sacar estas axudas "canto antes".