Os solicitantes das axudas Supera20 cobrarán a partir da próxima semana

Pontevedra
16 de decembro 2020

O goberno municipal aprobará a orde de pago das axudas Supera20 en cuestión de días polo que, salvo que xurdan imprevistos administrativos, os solicitantes destas subvencións poderán comezar a recibir o diñeiro a partir da próxima semana

Xuntanza do goberno municipal coa asociación Zona Monumental
Xuntanza do goberno municipal coa asociación Zona Monumental / Mónica Patxot

O goberno municipal aprobará a orde de pago das axudas Supera20 en cuestión de días polo que, salvo que xurdan imprevistos administrativos, os solicitantes destas subvencións poderán comezar a recibir o diñeiro a partir da próxima semana.

"Seremos a primeira administración que poñerá cartos líquidos nos petos dos afectados", asegurou a portavoz do executivo local, Anabel Gulías.

En total serán 166 os beneficiarios do plan Supera20, despois de que oito das once alegacións presentadas atendéranse e se lles concedera a subvención solicitada.

Con estas novas solicitudes aprobadas, a contía que se repartirá entre os afectados ascenderá aos 507.567,13 euros. Un de cada tres beneficiarios son hostaleiros.

Ao mesmo tempo, o Concello está a avanzar nos "últimos flecos" da nova convocatoria de axudas Supera21. Tras acordalas coa Plataforma de Afectados pola covid-19, o goberno municipal reuniuse este mércores con Zona Monumental.

Ambas partes chegaron a acordos sobre a subvención á dixitalización, de reformas e acondicionamentos de locais, de medidas de protección da covid-19, campañas publicitarias ou material de servizo a domicilio, incrementar os prazos de xustificación, incrementar o anticipo do pago ou sobre a cota de veladores.

A maiores acordaron a posibilidade de que os solicitantes se poidan presentar a varias convocatorias, que se poidan imputar gastos anteriores á publicación da convocatoria e que se realice unha campaña de dinamización das rúas da zona monumental, cando a pandemia o permita.

FLEXIBILIZAR AS ORDENANZAS FISCAIS

Anabel Gulías confirmou ademais a intención do goberno municipal de revisar as súas taxas fiscais para introducir medidas que permitan "flexibilizar" esta normativa e aplicar de forma "menos engorrosa" bonificacións ou exencións en circunstancias extraordinarias.

"Estudaremos fórmulas para que sexan menos ríxidas", avanzou Gulías, sempre que estes cambios normativos, engadiu, conten co aval técnico e con garantía legal.

Con respecto aos veladores, a portavoz municipal sinalou que, tendo en conta que se cobra anualmente, o diñeiro correspondente ao tempo que estiveron pechados polas restricións da pandemia descontarase no recibo correspondente a xuño de 2021.