Os 50 anos da Festa do Carneiro ao Espeto xa teñen carteis de promoción

Umia
21 de xuño 2019

Paula Carballo e Eva Stewart convertéronse nos gañadores do concurso. O Concello abre o vindeiro luns 24, e ata o 21 de xullo, o prazo de reserva de lotes no xantar do 28 de xullo, que se mantén a 300 euros para 20 comensais

Presentación dos carteis gañadores da Festa do Carneiro ao Espeto 2019 Concello de Moraña

O Concello de Moraña conta cos seus carteis promocionais para o cincuenta aniversario da Festa do Carneiro ao Espeto. Paula Carballo de Santiago gañou a categoría de adultos e Eva Stewart Brackenridge, no apartado infantil. O cartel principal leva por título 'Fogos de artificio na Festa da Xuventude'.

O xurado seleccionaba estes dous traballos entre os 38 que participaron no certame e as súas autoras recibirán como premio un lote de carneiro para a comida popular do 28 de xullo e un paquete de oito entradas para o Ecoparque de Marín. Luisa Piñeiro, a alcaldesa de Moraña, mostrou a súa satisfacción pola ampla participación. 

Por outra banda, o Concello de Moraña anunciaba tamén que o vindeiro luns 24 e ata o 21 de xullo abrirase o prazo de reserva dos lotes de carneiro para a comida popular, que se celebrará o día grande da festa, domingo 28 de xullo, na Carballeira de Santa Lucía.

O lote mantén o seu prezo de 300 euros e está orientado a grupos de vinte comensais, que contén un carneiro de entre 12 e 14 quilos, dúas empanadas grandes, catro moletes de pan, doce botellas de viño, doce de auga, unha botella de salsa especial para o asado, café, augardente e servizo completo de mesa. 

As persoas interesadas xa poden facer o seu reserva mediante o ingreso do diñeiro, detallando a identidade do seu titular en Abanca, Banco Santander, BBVA e La Caixa de Moraña. O prazo permanecerá aberto ata o 21 de xullo, o Concello se reserva a posibilidade de pechalo antes se se cobren as prazas.