Un total de 90 dos 110 militares que España achegará á misión da Unión Europea en Mali son da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) e todos eles dirán este venres "ata logo" aos seus compañeiros e á Brigada antes de trasladarse ao país africano.
A Agrupación EUTM Mali (European Union Training Mission Mali) V está formada basicamente por Unidades da Brilat con sede en Pontevedra e o Rexemento de Infantaría Isabel La Católica 29 é a unidade que achega un maior número de efectivos (90).
Segundo informou a Brilat, está previsto que o despregamento de todo o persoal se realice ao longo do mes de novembro e este venres 31 de outubro celebrarase na base General Morillo de Figueirido un acto militar para despedir o continxente. Estará presidido polo actual xeneral da Brigada, Luis Cebrián Carbonell.
O obxectivo da misión que asumirá a Brigada é apoiar ás forzas armadas de Mali mediante o asesoramento nos ámbitos do mando e control, da loxística, dos recursos humanos e do dereito humanitario internacional, ademais do adestramento das unidades de combate malienses para que alcancen a capacidade suficiente que lles permita actuar, de forma autónoma, fronte á ameaza yihadista do norte do país.
Dende o inicio da misión, a estratexia militar de EUTM Mali foi contribuír á restauración da capacidade militar das forzas armadas malienses, que é o factor determinante para alcanzar o "estado final desexado" segundo o plan europeo. España é, xunto con Francia, o país europeo que realiza un maior esforzo pola estabilidade de Mali.
A operación EUTM Mali estrutúrase nun Cuartel Xeral Operacional e un Equipo de Asesoramento -Advanced Task Force (ATF)-, ambos os dous despregados na capital Bamako, e un grupo de instrutores que desenvolven un programa específico de adestramento das unidades militares malienses (a maior parte do continxente desprazado a Mali), que desprega na localidade de Koulikoro, unha pequena e tradicional localidade situada na ribeira oeste do río Níxer, a 60 quilómetros da capital maliense.