Os afectados das preferentes de Pontevedra, Marín e O Salnés non farán 'escrache'

Pontevedra
04 de abril 2013

As voceiras das plataformas confirmaron que continuarán coas súas protestas ata conseguir que todos os afectados recuperen os seus aforros, pero que non se unirán á moda do acoso a políticos e responsables públicos. Na capital estudan comezar un encerro na Deputación Provincial

A decisión de colectivos sociais como a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) de facer 'escrache' e perseguir a poderes políticos para facerlle chegar as súas demandas e protestas está a estenderse aos afectados pola comercialización de participacións preferentes e subordinadas de distintos puntos de Galicia. Plataformas do sur de Pontevedra anunciaron que practicarán esta modalidade de reivindicación, pero os grupos máis próximos á capital rexeitan, polo momento, secundala.

As voceiras das plataformas de Marín-Pontevedra e O Salnés, Rosana Prado e Rosana Balboa, confirmaron este xoves que continuarán coas súas protestas ata conseguir que todos os afectados recuperen os seus aforros, pero que non se unirán á moda do 'escrache'. "Respetamos las decisiones de otros compañeros de otras plataformas y los apoyamos, pero nosotros no lo haremos, seguiremos como hasta ahora", explica a voceira do Salnés. Engade que "no son más culpables de lo que está pasando los de este Gobierno que los gobernantes anteriores, pero estos están ahora en el poder y tienen en sus manos la solución, por eso las protestas se centran en ellos".

A súa homóloga de Pontevedra, Rosana Prado, anunciou, de todos os xeitos, que os afectados a capital e de Marín si farán un cambio de rumbo nas súas protestas públicas. Estudan comezar un encerro na Deputación Provincial para facerse oír.

Ata a semana do 15 de abril non tomarán a decisión definitiva. Antes, reuniranse con representantes de Novagalicia Banco e seguirán coas protestas habituais que realizan dende hai xa un ano. Esta semana concentráronse o martes ante as sedes da Subdelegación do Goberno e a Deputación Provincial e dentro dunha semana repetirán. O mesmo pasará coas súas protesta dos xoves. Esta mañá, a cita foi en Marín e esta tarde en Pontevedra e o mesmo ocurrirá o próximo xoves.

"Estamos viendo que las otras plataformas son más guerrilleiras que nosotros y consiguen más arbitrajes por lo que si eso funciona y hay que ser más guerrilleiros lo seremos", indica esta voceira. De aí que se formulen pasar das concentracións o encerro. Todo seguindo a filosofía da plataforma coa que este xoves se concentraron en Marín:"no somos ni de la izquierda ni de la derecha. Somos los de abajo y vamos a por los de arriba".

Primeiro concentráronse ante dúas sucursais de NovaGalicia Banco e, finalmente, trasladáronse ata o Concello onde falaron coa alcaldesa, María Ramallo (PP) e varios membros de Corporación, que lles trasladaron todo o seu apoio.