Os alcaldes do PP denuncian que Carmela Silva trátaos como ao peor barrio de Vigo

Pontevedra
20 de novembro 2015

Os alcaldes populares concentráronse ante a Deputación e acusan o novo equipo de goberno de falsear os datos do Plan Concellos 2016. Calculan que segundo os datos dos que dispoñen, van recibir un 33% menos ca o que recibían co anterior goberno. Reclaman unha xuntanza coa presidenta 

A deputada Nidia Arévalo solicita unha xuntanza da presidenta da Deputación cos alcaldes da provincia
A deputada Nidia Arévalo solicita unha xuntanza da presidenta da Deputación cos alcaldes da provincia / PontevedraViva
Gonzalo Durán arremete contra a presidenta da Deputación /

Un grupo de trinta alcaldes da provincia do Partido Popular acompañados de deputados do mesmo partido presentaron un escrito na Deputación provincial durante o mediodía deste venres 20 coa intención de que a presidenta da institución, Carmela Silva, manteña unha xuntanza cos máximos representantes de todos os municipios para ofrecer datos da cantidade económica que se vai a destinar aos concellos durante 2016.

Os deputados Nidia Arévalo e Ángel Moldes indicaron que hai concellos da provincia que dispoñen dun informe da intervención no que se certifica que van recibir unha media dun 33% menos do diñeiro que lles ofrecía o anterior goberno de Rafael Louzán.

Os alcaldes queren coñecer que criterios de repartición vanse a aplicar e que se explique a cantidade concreta que recibirán para poder elaborar os seus orzamentos.

Nidia Arévalo acusou a Carmela Silva de actuar con escurantismo e falta de transparencia de maneira que menospreza aos concellos da provincia e engadiu que os gobernos locais non están conformes con este plan de repartición e alegan que non se contou con eles para a súa elaboración.

O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, mostrouse máis duro indicando que a presidenta da Deputación é unha persoa que non cre nos concellos nin na provincia e que só traballa para Vigo. Neste sentido, manifestou que Carmela Silva trata aos diferentes concellos como ao peor barrio de Vigo.

Nidia Arévalo lamentou tamén que o equipo de goberno aínda non facilitase o borrador dos orzamentos ao Partido Popular, aínda que xa se trasladaron aos medios de comunicación.