Os deputados do grupo provincial do Partido Popular reuníronse este xoves en Pontevedra cos alcaldes do PP da provincia, que amosaron a súa "preocupación" porque a dous meses de pechar o ano e traballando xa na redacción dos orzamentos municipais para 2017, non teñen ningunha previsión do que vai facer o bipartito co reparto dos fondos provinciais.
Despois de que a presidenta da Deputación, Carmela Silva comentase que pode haber cambios no Plan Concellos para o vindeiro ano, a voceira popular Nidia Arévalo sinalou que "estamos exactamente igual e coas mesmas incertezas que hai un ano".
Neste sentido, recordou que os alcaldes do PP xa pediron en xullo a Carmela Silva que os convocase, "pero como sempre, a presidenta chega tarde e improvisando. Os alcaldes estamos perdidos, non sabemos que vai pasar cos fondos provinciais, temos que comezar a planificar os orzamentos e a previsión que temos da Deputación é nula".
Así, defendeu que os alcaldes necesitan ter claro desde o principio que entra e que queda fóra do Plan Concellos, e denunciou que "nin sequera na Deputación sabían que cuestións se podían incluír e cales non, porque quixeron facer do Plan Concellos un plan para todo e ao final foi un desbaraxuste".
A proposta dos populares pasa porque destinen ao plan 60 millóns en lugar de 40, "e se deixen de plans compost que non quere ninguén, de rescatar concesións de auditorios en grandes cidades e aposten polo reequilibrio territorial, que é a esencia da Deputación".