Os alumnos de Belas Artes fan unha plantación no patio central da facultade

Pontevedra
31 de maio 2017

O patio central do edificio do antigo cuartel de San Fernando acollerá unha horta urbana da man dos seus inquilinos, os alumnos da Facultade de Belas Artes e os da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, que xa empezaron coa súa plantación

Horta do patio central da Facultade de Belas Artes
Horta do patio central da Facultade de Belas Artes

O patio central do edificio do antigo cuartel de San Fernando acollerá unha horta urbana da man dos seus actuais inquilinos, os alumnos da Facultade de Belas Artes e os da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, que xa empezaron coa súa plantación.

A profesora Sol Alonso impulsou esta iniciativa que inclúe a posta en marcha dun taller dirixido a promover que o alumnado deseñe e constrúa mobiliario para este espazo.

Trátase de promover a participación activa tanto do alumnado da facultade como da Escola de Restauración "na recuperación e maior aproveitamento" deste espazo central, así como contribuír a "mellorar o aspecto e a funcionalidade" dun patio, "que apenas é empregado para o descanso do alumnado", como sinala Alonso.

Esta iniciativa busca tamén a concienciación das vantaxes que supón unha xestión sustentable, baseada no aproveitamento de materiais de refugallo, a reciclaxe de lixo orgánico ou o coidado ecolóxico.

Deste xeito, envases procedentes dos talleres de fotografía ou gravado, materiais empregados para a creación de pinturas e esculturas, pallets ou tubos de PVC foron empregados para construír algúns dos maceteiros que se atopan no fondo do patio.