Os vendedores ambulantes continúan coas súas protestas para reivindicar que a Alameda permaneza como o seu espazo habitual para instalar a feira durante os sábados.
Neste 5 de agosto volvían manifestarse desde a Rúa Rafael Areses ata a praza de España onde continuaron coa súa campaña de recollida de firmas que apoien a súa permanencia na Alameda. A manifestación realizábase coas furgonetas que utilizan habitualmente para as vendas ata chegar á praza de España a través de Arcebispo Malvar.
Manteñen que continuarán con estas manifestacións nas tardes dos xoves e durante o mediodía dos sábados ata que se resolva a súa situación. Con motivo das festas da Peregrina teñen previsto cambiar o itinerario e pasar polo centro da cidade.
Marga González, presidenta da Asociación de Ambulantes Galegos e Autónomos, indicaba este sábado que levan recollidas máis de 3.500 sinaturas de apoio e que, nestes momentos, continúan á espera do que suceda co acordo previsto entre o PP e o PSOE para levar unha moción no pleno para que sigan na Alameda.
Solicitaron unha nova reunión coa concelleira responsable de Mercados, Anabel Gulías, para tratar esta problemática, despois de que o Concello manifestase a súa intención de establecer o mercado ambulante entre as pontes do Burgo e de Santiago, na avenida de Bos Aires, diante do Mercado de Abastos.
Marga González recoñeceu que suspenderon os actos de cacerolada que tiñan previsto realizar diante das casas do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e da concelleira Anabel Gulías por petición da concelleira socialista e responsable de Mercados no anterior goberno bipartito, Yoya Blanco.
"Non queremos mesturar a vida familiar coa política, pero tampouco estabamos moi desacertados. Nós necesitamos traballar. As nosas familias comen todos os días", apunta a presidenta dos ambulantes, "non é o mesmo dirixir desde un sillón que ser autónomo e pagar os impostos", explicou.
Ademais trasladou a súa preocupación ante a posibilidade de que o Concello pase o cobro da taxa por venda ambulante cando levan sen realizar actividade desde o 15 de xullo, sábado no que celebraron o seu último mercado na Alameda. "Non sabemos se todos estes días que estamos en loita van cobralos igual", indicou González.
Durante a protesta que realizaron por diferentes puntos da cidade produciuse unha imaxe curiosa ao coincidir coa caída dun cidadán de avanzada idade na rúa. Os ambulantes tentaron axudalo e utilizaron unha das pancartas críticas co goberno de Lores para ofrecer sombra ao viandante ata que chegou unha dotación da Policía Nacional e un equipo sanitario para atendelo.