Os barrios de Mollavao, Valdecorvos e A Moureira súmanse esta fin de semana aos Xogos na rúa

Pontevedra
08 de xuño 2022

'Xogos na rúa' disputarase en oito barrios da cidade con probas como peletre, tres en raia, o pano, pelexa de galos, entre outras

Xogarrúas
Xogarrúas / Mónica Patxot

Mollavao, Valdecorvos e A Moureira súmanse esta fin de semana ao II Campionato Interbarrios Xogos na rúa Efecto PO2, no que nenos e maiores de oito barrios da cidade compartirán risas e diversión ao tempo que medirán as súas habilidades en xogos tradicionais e colaborativos.

A xornada do sábado día 11 será a fase clasificadora na que os equipos amosarán a súa destreza xogando ao peletre ou tres en raia pero incorporaranse propostas como a sete e media no chan (un xogo de puntería) ou a pelexa de galos que mestura reflexos, rapidez e picardía para superar a proba.

O sábado as probas serán simultáneas en oito barrios da cidade entre as 11.00 e as 13.00 horas. En Monte Porreiro será no paseo do Miradoiro; en Valdecorvos-O Castañal, na praza das Regas; en Pontevedra Leste, na pasarela Doce de noviembre; no Gorgullón-Eduardo Pondal, na rúa Pedro Sarmiento de Gamboa; en Campolongo, no paseo detrás da igrexa entre a rúa Alcalde Hevia e as pistas do Colexio; na Moureira-San Roque, rúa Raíña Vitoria e en Mollavao, na pista do skate.

O domingo celebrarase a final con xogos como a corda ou o tiro argola e outros que se coñecerán o mesmo día. Os gañadores de cada barrio competirán o domingo pola copa do campionato na avenida de Montero Rios entre as 11.00 e as 13.00 horas.

Poderán participar familias ou grupos de amigos, cando menos, cun neno maior de 3 anos e menor de 12 anos e unha persoa adulta ao cargo (nai, pai, curmán, avoa,...).. É recomendable que o equipo teña un mínimo de 3 persoas co fin de que podan participar dun xeito activo en todas as propostas.

A inscrición é de balde pero é preciso anotarse en apuntate.pontevedra.gal 

'Xogos na Rúa' é unha proposta de Concellería de Promoción da Cidade, que dirixe Anabel Gulías, ao abeiro da Estratexia PO2, que convida á veciñanza a ocupar o espazo público e facer del un punto de encontro lúdico e inter-xeracional, tecendo lazos de amizade e construíndo barrio.

O programa arrancou o pasado 28 de maio, Día Internacional do Xogo, e terá continuidade no outono con novas propostas como: xogos de outono (xogos tradicionais de diferentes zonas de Galicia), un escape barrio, a procura do tesouro ou unha xincana interbarrios.